Soutomaior pon a punto os seus centros escolares de cara o comezo do curso escolar
Soutomaior, 6 de setembro de 2024. O Goberno de Soutomaior vén de desenvolver nos centros educativos que dependen da xestión municipal (CEIP Manuel Padín Truiteiro, Escola Infantil de Romaríz e Galiña Azul de Arcade) os traballos e arranxos necesarios para que estean listos de cara ao comezo do novo curso escolar o vindeiro 11 de setembro. Neste sentido, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Obras, Pablo Garrido, achegáronse ata o Padín Truiteiro para revisar xunto co director, Quico Obelleiro, os traballos realizados.
En concreto, neste centro educativo que acolle a centos de alumnos e alumnas, o Goberno de Soutomaior levou a cabo a limpeza e axardinamento dos taludes; o encintado do muro de mampostería; o pintado de porterías e renovación de redes; o pintado do comedor e varias aulas, así como o repintado da pista exterior educación viaria e tráfico; ademais da limpeza de canalóns.
En canto aos outros dous centros educativos, na Galiña Azul desenvolveuse a revisión de todos os peches e estores, o repintado do valado exterior, a substitución da secadora e a colocación de mesas abatibles no comedor; mentres que na Escola Infantil de Romariz os traballos consistiron na substitución do pavimento dos baños, a limpeza de canalóns, o pintado da aula 2, a revisión de persianas e a construción dun areeiro.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que as obras e traballos realizados polo Goberno local no CEIP Manuel Padín Truiteiro, a Escola Infantil de Romaríz e a Galiña Azul de Arcade cobren as necesidades inmediatas trasladadas polos equipos directivos. Ademais, avanzou que o Goberno local mantén un diálogo fluído e constante cos equipos directivos de cara a buscar melloras a medio e longo prazo, co obxectivo de que o alumnado teña acceso ás mellores instalacións posibles.
Neste sentido, o alcalde sinalou que “todos os arranxos realizados nos centros educativos realizáronse con fondos propios xa que para nós investir en educación, dentro das competencias que lle corresponden ao Concello, é un obxectivo prioritario”.