Manuel Fariña afirma que Caldas cumpre escrupulosamente as súas obrigas do Convenio coa Xunta para ampliar o IES Aquis Celenis
Caldas, 3 de outubro de 2024. “O Concello de Caldas cumpre escrupulosa e literalmente co Convenio asinado en 2022”. Así o manifestou o Alcalde en funcións, o nacionalista Manuel Fariña, quen vén de rexeitar as acusacións de falta de compromiso municipal co proxecto feitas polo director xeral técnico da Consellería de Educación esta mesma semana.
Fariña entende que a Xunta busca xustificacións para os seus retrasos acumulados na reforma e, asegurando que pola parte que lle corresponde quere evitar que as obras se convertan nun novo capítulo do ‘rifirafe’ político coa Xunta de Galiza, fai unha chamada a aclarar todas as diferencias e propón a convocatoria da Comisión de Seguimento do Convenio.
O representante nacionalista sostén que o Goberno Galego “está a sacar da manga novas esixencias” para o Concello. Subliña que os requirimentos dos que fala o técnico da Xunta na carta recibida nos últimos días -sobre a posta a disposición por parte do Concello dunha parcela no lado oeste do instituto e a exención das prazas de aparcamento dentro do recinto educativo- “nunca foron trasladadas ao Goberno Local por ningunha vía”. “Todo canto se nos solicitou, xestionouse”, subliña.
Manuel Fariña acusa á Xunta de sacar da manga novas esixencias e tende a man para unha máxima colaboración institucional e avanzar nas obras, convocando se é preciso a Comisión de Seguimento do Convenio
O Convenio asinado entre Concello e Xunta en 2022, lembra Fariña, recolle a obriga do Goberno Local de obter os terreos lindeiros co IES, exclusivamente polo lado leste, para dotar dun aparcadoiro disuasorio e garantir, unha vez rematadas as obras pola Consellería, que este dispoña das infraestruturas adecuadas. Ao mesmo tempo, o acordo obriga ao Concello a colaborar con Educación na disposición de espazos para reubicar o alumnado durante a execución das obras.
Con respecto ao primeiro punto, Manuel Fariña aclara que o Concello presentou á Xunta hai tempo o anteproxecto do aparcadoiro disuasorio e dos accesos polo lado leste co fin de obter os permisos sectoriais ao estar ao lado do río. Sen embargo, ata o de agora, o goberno autonómico non realizou os informes preceptivos e, polo tanto, a xestión das expropiacións necesarias está pendente dese trámite. "O Concello fixo o que lle correspondía, non é quen está parado. É a Xunta quen debe mover ficha e poñerse a traballar”, insiste Fariña.