O Concello de Pontevedra activa un portal web para informar da eclipse solar
Pontevedra, 14 de xullo de 2026. O Concello de Pontevedra pon en marcha o novo portal web oficial dedicado á eclipse solar do vindeiro 12 de agosto de 2026, unha ferramenta dixital deseñada para que a cidadanía coñeza polo miúdo as recomendacións de seguridade e os datos prácticos de observación deste fenómeno astronómico. Con esta iniciativa, búscase facilitar o acceso a pautas de protección ocular ante unha cita na que a cidade se situará nunha posición privilexiada de visibilidade dentro da Galiza.
O portal céntrase de forma prioritaria na seguridade, xa que a observación directa do Sol sen filtros homologados baixo a norma ISO 12312-2 pode provocar danos graves e permanentes na retina. Para evitalo, a plataforma facilita a descarga dunha plantilla recortable para construír unha caixa de proxección estenopeica e un vídeo explicativo para montar un visor seguro.
O fenómeno astronómico producirase ao serán, co Sol moi baixo sobre o horizonte oeste, a uns 10 ou 12 graos de altura. O primeiro contacto terá lugar ás 19:32 horas e o momento máximo acadarase ás 20:29 horas, cando a escuridade e o descenso da temperatura simularán un solpor repentino. A eclipse rematará ás 21:23 horas, xusto antes de que o Sol se poña na ría.
Este evento inaugura o denominado Trío Ibérico de Eclipses, un ciclo que permitirá observar dende a península tres fenómenos solares consecutivos en tres anos: a eclipse de 2026 e dúas parciais en 2027 (con ocultación do 77% na cidade) e 2028 (cun 72%). A noite do 12 de agosto de 2026 coincidirá ademais coa choiva de estrelas das Perseidas.
A páxina tamén serve de canle de ligazón con outras administracións e institucións oficiais de referencia que realizan o seguimento científico do evento, como o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, o Instituto Xeográfico Nacional e a Xunta de Galiza.