A Oficina de Turismo de Soutomaior atendeu este verán máis de 16.000 persoas, un 300% máis que en 2023
Soutomaior, 3 de outubro de 2024. O Goberno de Soutomaior informou dos datos de atención ao público na súa Oficina de Turismo, conseguindo a cifra máis alta desde que existen rexistros. En total, entre os meses de xuño e setembro, a Oficina de Turismo de Soutomaior atendeu a máis de 16.000 persoas que chegaron ao noso concello. En comparación co ano pasado, no que xa se rexistraron os mellores datos históricos con case 4.000 persoas, supón un incremento do 300%, multiplicando por catro o numero de persoas atendidas.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “os datos de atención ao público na Oficina de Turismo confirman que o noso concello estase a converter cada vez máis nun destino de referencia para as persoas que non son de aquí”. Non só na comarca, senón que no resto do País e a nivel internacional, cada vez son máis as persoas que consideran Soutomaior como un lugar que visitar e ao que volver”, engadiu o alcalde.
Lourenzo salientou que “hoxe Soutomaior ten unha axenda de actividades que é envexa en toda a provincia, converténdose nun dos principais foco de atracción de visitantes de toda a Ría de Vigo. A iso cómpre sumarlle o noso inmenso patrimonio natural e histórico, a ampla e excelente oferta gastronómica dos nosos negocios de restauración e todos os servizos que pon a disposición das persoas o Concello de Soutomaior. No Goberno de Soutomaior imos seguir traballando para seguir potenciando todos eses ámbitos”, concluíu o alcalde.