MULTIPLICA POR 5 AS CONSULTAS DO ANTIGO POSTO DA TAFONA
Caldas pecha a temporada de verán con cifras “históricas extraordinarias” na oficina de turismo da Rúa Real
Caldas, 2 de outubro de 2024. O Concello de Caldas vai pechar a súa temporada de verán con cifras “históricas e extraordinarias” na oficina de turismo da Rúa Real. Segundo avanza o Alcalde en funcións, Manuel Fariña, multiplicouse por cinco os datos das consultas realizadas no antigo posto da Tafona.
Os números, apunta Fariña, son claros: no mes de xullo, cando a recepción de turistas se realizaba nas instalacións da Tafona apenas pasaron por alí 600 persoas, mentres que as cifras disparáronse en agosto ata as preto de 3.000 e en setembro rozaban as 3.500.
“Os feitos non deixan lugar a dúbidas. Chegamos a quintuplicar as cifras anteriores. A nova instalación na Rúa Real para a oficina de información é un éxito que ademais demostra que Caldas está de moda. Agora cos datos na man actuaremos para consolidar a oficina e mellorar a experiencia e a calidade da visita ás nosas instalacións e á nosa vila termal. Calquera persoa que nos visite debe levar a mellor impresión do noso concello e da nosa xente. Temos un patrimonio espectacular e hai que potencialo e saber vendelo”, subliña Fariña.
O incremento imparable no número de visitantes xa se deixou notar no primeiro balance da oficina da Rúa Real realizado a mediados de agosto por parte do Concello. Entón, nos apenas dez días que levaba aberta a nova caseta de información turística, o número de persoas que tiveran pasado por alí xa era de récord, superara amplamente o do mes anterior e igualara os datos dos meses de agosto completos de anos anteriores.
“Vivimos a mellor tempada de verán da nosa historia en Caldas, o que supón un impacto económico para a vila tremendo”, salienta Fariña, que subliña que hai que converter as e os visitantes de paso en turismo con pernoctacións.
A información solicitada no punto de atención refírese fundamentalmente a puntos de interese na vila de Caldas e a súa contorna, aínda que en moitos casos tamén se pregunta pola intensa programación de actividades que o Concello desenvolve na vila.