Soutomaior avanza na solución aos problemas de estacionamento no núcleo urbano de Arcade
Soutomaior, 2 de outubro de 2024. O aparcadoiro da Avenida Xosé Solla situado ao carón do Cruce de Pierres volve a estar aberto, despois de que o Goberno de Soutomaior desenvolvese unha importante actuación nas últimas semanas para ampliar o número de prazas gratuítas nesta bolsa de estacionamento e para adecuar o espazo, eliminando elementos de feísmo urbanístico. Unha obra desenvolta polo Goberno de Soutomaior e coa que dota o núcleo comercial de Arcade dunha bolsa de aparcamento gratuíto con case 60 prazas.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, achegouse ao aparcadoiro para coñecer de primeira man os traballos de ampliación desenvoltos no aparcadoiro. O rexedor aproveitou a ocasión para volver agradecer aos veciños e veciñas que cederon de maneira gratuíta os terreos colindantes ao antigo aparcadoiro para que o Goberno de Soutomaior puidese levar a cabo a ampliación do aparcadoiro.
O aparcadoiro contará cunha regulación horaria en tramos claves para o comercio local, co obxectivo de fomentar o consumo e favorecer ás tendas de Arcade. Así, de luns a sábado, entre as 8:00 horas e as 14:00 horas, o tempo máximo de estacionamento será de tres horas.
O alcalde Manu Lourenzo sinalou que “a ampliación deste aparcadoiro supón un paso de xigante para solucionar o problema de estacionamento que Arcade leva anos a vivir. O Goberno de Soutomaior leva desde o comezo do mandato traballando en medidas para ordenar o tráfico e as bolsas de aparcadoiro no núcleo urbano de Arcade, como foi a implantación da zona azul ou como é esta importante ampliación dun dos aparcadoiros principais da Avenida Xosé Solla. O obxectivo é claro, habilitar máis de 100 novas prazas para estacionar neste e noutros aparcadoiros que estamos traballando”.
“Hoxe Soutomaior conta cun modelo de tráfico e de estacionamento moito máis calmado, accesible e afastado do feísmo urbanístico do que había ao comezo do mandato”, subliñou Lourenzo, quen tamén indicou que “aínda queda moito traballo por facer, e Soutomaior vai necesitar da colaboración de todas as administracións implicadas para que o modelo urbano de Arcade se adecúe ás necesidades reais da veciñanza, do comercio local e de todas as persoas que cada vez máis deciden achegarse ao noso concello por todo o que ofrecemos”.