Diferentes espazos da cidade serán escenario da completa programación que a Banda de Música de Pontevedra levará a cabo no último trimestre do ano
Pontevedra, 2 de outubro de 2024. O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez, acompañado de Magui Martínez (Secretaria da asociación Musical de Pontevedra) e Nicolás Leiro (subdirector da BMP) presentou a programación da agrupación musical que terá lugar entre o 5 de outubro e o 22 de decembro.
O edil manifestou que “é un día importante para o Concello e creo que tamén para a Banda de Música de Pontevedra porque comenzamos unha nova xeira de colaboración que vai permitir durante este ano, o próximo e mailo seguinte, ter unha programación estable da Banda de Música de Pontevedra en Pontevedra, que nos vai permitir asistir a concertos de esta agrupación pontevedresa tan importante, gozar de pezas de todo tipo e especialmente das que son exclusivas da banda, compostas para ela, que é algo realmente interesante. Hoxe é un punto e seguido, comenzamos unha nova xeira de programación”.
A secretaria da asociación Musical de Pontevedra quixo destacar que “o ciclo que presentamos é moi intenso e variado. Son 12 concertos que comezan xa este sábado 5 e rematan co concerto de Nadal que temos o 22 de decembro. Están organizados por temática e espazo” .
Dividida en bloques temáticos e con diferentes espazos como escenario, a Banda de Música de Pontevedra celebrará un total de 12 concertos. A música popular, a música sacra, a zarzuela, a ópera, os musicais ou as bandas sonoras serán protagonistas dunha programación que contará tamén con especiais polo Samaín, os Premios Feroz e o Nadal.
Diferentes centros socioculturais das parroquias, o Mercado Municipal, varias igrexas e o Teatro Principal serán os escenarios escollidos para que a música chegue a cada recuncho da cidade.
O subdirector da banda, Nicolás Leiro, responsable da sección de Música Popular “que é a música de antes, a que escoitabamos os domingos cando tocaba a banda, e tamén cos arranxos que se fixeron e que só nós temos e se van interpretar aquí” quixo agradecer a toda a xente da asociación e do Concello que “está detrás destes concertos. Hai moita xente detrás que estivo apoiando”
Concertos de Música Popular (dirixidos por Nicolás Leiro Álvarez)
- 5 de outubro ás 19h. na Casa Cultural de Monte Porreiro
- 12 de outubro ás 20h. na Casa Verde de Salcedo
- 20 de outubro ás 19h. na Casa Cultural de Campañó
Concerto Samaín (dirixe Rafa Agulló Albors)
- 31 de outubro ás 20h. no Mercado Municipal de Pontevedra
Concertos de Música Sacra (dirixidos por Marcel Van Bree)
- 19 de outubro ás 20.30h na Igrexa de San Francisco
- 26 de outubro ás 21h na Igrexa de Santa María
- 2 de novembro ás 20h. na Igrexa de San Xosé (Campolongo)
- 16 de novembro ás 21h. na Igrexa Virxe do Camino
Concertos no Principal
- 9 de novembro ás 20h. ‘De viaxe coa lírica’ - zarzuela, ópera e musicais baixo a dirección de Rafael Agulló Albors
- 30 de novembro ás 20h. ‘Concerto Feroz’ - Bandas sonoras baixo a dirección de Rafael Agulló Albors
- 1 de decembro ás 12h. ‘Grandes Clásicos’ - concerto popular baixo a dirección de Nicolás Leiro Álvarez
- 22 de decembro ás 12h. ‘Concerto especial de Nadal’ baixo a dirección de Rafael Agulló Albors