Unha empresa local instalará a nova pista multideporte da Tafona, en Caldas
Caldas, 2 de decembro de 2024. Unha empresa local de Caldas de Reis será a encargada de instalar a nova pista multideportes da Tafona. A firma, especialista en instalacións deportivas, obtivo a máxima puntuación da mesa de Contratación local ao presentar a oferta máis vantaxosa por cumprir todas as condicións técnicas esixidas para o proxecto e, ademais, rebaixar o prezo inicial de licitación nun 22%.
O tenente de alcalde Manuel Fariña explica que a adxudicación formalizouse logo de que a unidade técnica do Concello valorase as nove propostas presentadas e excluíse catro delas por non cumprir as condicións técnicas que se requirían. Na valoración da parte económica non se detectou ningunha baixa temeraria.
Finalmente, a adxudicataria foi a firma Garocaprim SL, con sede en Caldas de Reis, xa que presentou unha rebaixa nun 22% sobre o orzamento inicial, quedando finalmente a actuación en 27.300 euros. O persoal técnico municipal xa se puxo en contacto coa empresa para que encargue canto antes os materiais necesarios para a obra e presente toda a documentación para asinar o contrato.
O tenente de alcalde Manuel Fariña amosouse moi satisfeito porque sexa unha empresa local a encargada de instalar a pista polideportiva. “Dende o Concello apostamos sempre que podemos polos provedores locais. En moitas ocasións a Lei de Contratos non nolo permite porque as licitacións fanse por prezo e con ese criterio normalmente as sociedades grandes teñen máis marxe para mellorar... Por iso, que unha firma caldense sexa a adxudicataria deste contrato é positivo, xa que os beneficios da actividade do Concello quedarán no noso municipio”, subliña o nacionalista.
Fariña destaca que a recuperación do espazo deportivo da Tafona incluirá unha nova cancha sobre a base de cemento actual, xunto coa instalación de novos elementos como canastras, porterías, postes e unha rede central móbil de materiais antivandálicos que precisan case nulo mantemento. O espazo de xogo, que terá unhas dimensións e 20x10 metros, será polivalente e permitirá a práctica de diferentes deportes nunha mesma cancha ao contar coas liñas divisorias para cada modalidade.
“A cancha será un plus para o barrio da Tafona. Vai ser un revulsivo para poñer en valor toda a zona e permitir que a rapazada da nosa vila teña un novo espazo no que facer deportes”, subliñou o responsable de Deportes en Caldas.