O BNG denuncia que a Xunta pretende pechar a unidade do Colexio Rural Agrupado de Santo André e acusa a Román Rodríguez de querer desmantelar a educación pública en Caldas
Caldas, 22 de xuño de 2026. O BNG de Caldas de Reis vén de denunciar a intención da Consellería de Educación de suprimir a unidade de Educación Infantil de Santo André pertencente ao Colexio Rural Agrupado (CRA). O voceiro nacionalista e tenente de alcalde responsable de Educación, Manuel Fariña, cualifica a decisión de "incomprensible", "inxustificable" e "un novo ataque frontal da Xunta contra o municipio de Caldas, contra o ensino público e contra o rural galego".
Segundo Fariña, a dirección do centro foi informada na mañá de hoxe de que existe unha proposta chegada "dende arriba" para pechar a unidade de cara ao vindeiro curso escolar. A situación resulta especialmente grave, advirte o nacionalista, porque a aula cumpre cos mínimos de alumnado establecidos pola propia Xunta de Galiza, mantendo cinco nenos e nenas matriculados, a mesma cifra coa que leva funcionando sen problemas durante os tres últimos anos.
"Non hai ningunha explicación pedagóxica nin organizativa que xustifique este peche. Se durante tres anos a Xunta considerou que cinco nenas e nenos eran suficientes para manter aberta a unidade, por que agora pretende eliminala? A única resposta que atopamos son os recortes", denuncia Fariña. O responsable nacionalista considera que a medida evidencia a verdadeira política educativa do conselleiro Román Rodríguez: o desmantelamento progresivo da educación pública. “É un ataque directo contra Caldas, contra o rural e contra o dereito das familias a escolarizar os seus fillos e fillas preto das súas casas", insiste o voceiro do Bloque.
Fariña lembra que esta ameaza non xorde de maneira illada, senón que se produce despois de anos de recortes continuados no municipio caldense. Recorda que Caldas xa sufriu nos últimos anos a supresión de unidades no CEIP San Clemente e advirte de que o Goberno galego leva tempo preparando o terreo para outras novas reducións. "O propio Partido Popular xa lanzara en 2024 un ‘globo sonda’ falando da necesidade de 'reconfigurar o sistema'. Traducido ao galego claro, iso significa pechar aulas, recortar profesorado e reducir servizos. O que daquela era unha advertencia hoxe estase a converter nunha realidade coa proposta de peche da unidade de Santo André", sinala.
O tenente de alcalde manifesta a súa máxima preocupación ante a situación, polo que esixe á Consellería de Educación a retirada inmediata da proposta de supresión da aula, instando directamente a Román Rodríguez a abandonar a súa política de recortes e de “maltrato a Caldas de Reis”. "Non imos permitir que se siga a desmantelar a educación pública en Caldas. A Xunta debe garantir a continuidade desta aula e reforzar os recursos educativos do municipio, non seguir recortándoos. O futuro das nosas nenas e nenos non pode depender dunha folla de cálculo nin dunha decisión tomada nun despacho de Santiago. Se o que pretende o Partido Popular é ir nesta liña vannos ter en fronte", conclúe Fariña.