SÁBADO 27 DE XUÑO
Pontecesures acollerá o II Torneo de Fútbol Feminino coa participación de catro equipos da comarca
Pontecesures, 23 de xuño de 2026. O Concello de Pontecesures presentou oficialmente o II Torneo de Fútbol Feminino, unha iniciativa que consolida a aposta da administración local pola promoción do deporte feminino e pola creación de espazos de participación, visibilidade e igualdade a través da práctica deportiva.
No acto de presentación participaron a alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino; o técnico deportivo municipal, Marcos Jamardo; as xogadoras do equipo local feminino As Ullas de Pontecesures; e o seu adestrador, Ramón Riveiro.
O torneo celebrarase o vindeiro 27 de xuño a partir das 17:00 horas no Campo de Fútbol Ramón Diéguez e contará coa participación dos equipos Bastavales UD, CD Rois, Laiño CF e As Ullas de Pontecesures. A competición converterá novamente a vila nun punto de encontro para o fútbol feminino e para a difusión dos valores asociados ao deporte entre a veciñanza.
Un compromiso firme co deporte feminino
Durante a presentación, a alcaldesa destacou a importancia de continuar impulsando iniciativas que favorezan a igualdade de oportunidades no ámbito deportivo.
“Desde o Concello de Pontecesures seguimos traballando para impulsar iniciativas que fomenten a igualdade de oportunidades no ámbito deportivo, apoiando especialmente o deporte feminino e creando referentes para as novas xeracións”, sinalou Maite Tocino Barreiro.
A rexedora subliñou tamén que “este torneo é unha mostra do compromiso municipal coa promoción da práctica deportiva entre as mulleres e co recoñecemento do esforzo, a dedicación e o talento das deportistas”.
O papel de As Ullas de Pontecesures
A alcaldesa quixo poñer ademais en valor o labor desenvolvido por As Ullas de Pontecesures, destacando o papel fundamental que desempeña o club no impulso do fútbol feminino na vila.
Segundo indicou, o equipo converteuse nun auténtico motor desta disciplina deportiva no municipio, contribuíndo, grazas ao seu traballo, constancia e compromiso, a incrementar a participación feminina no deporte e a consolidar un proxecto deportivo de referencia para moitas nenas e mozas da contorna.
Recoñecemento ao talento deportivo local
Como recoñecemento ao talento deportivo local e á traxectoria das deportistas da vila, o saque de honra do torneo será realizado pola cesureña Noa García, xogadora de As Celtas Sporting, campioas da Terceira Federación, e a futbolista con máis minutos disputados durante a tempada 2025-2026.
A súa participación constitúe un exemplo de esforzo, dedicación e éxito deportivo para as novas xeracións e un motivo de orgullo para Pontecesures.
Agradecemento ás entidades colaboradoras
O Concello de Pontecesures quere agradecer especialmente a colaboración das entidades que apoian a celebración deste torneo e que contribúen ao seu éxito: Ultramarinos Mariluz, Novoneon Rótulos e Xoiería Riveiro.
O respaldo destas empresas resulta fundamental para continuar impulsando iniciativas deportivas que promoven a igualdade, a participación e os hábitos de vida saudables.
Chamamento á participación
Desde o Concello anímase a toda a veciñanza a participar e desfrutar desta xornada deportiva, que busca non só fomentar a competición saudable, senón tamén seguir avanzando cara a unha sociedade máis igualitaria a través do deporte.