ACTO DE PRESENTACIÓN DE LORES COMO CANDIDATO Á REELECCIÓN
Lores chama a “seguir soñando” e avanzar nunha nova gran transformación do concello, desde a experiencia e a estabilidade
Pontevedra, 29 de maio de 2026. Estabilidade, experiencia e convicción. Con estas tres características dos seus mandatos anteriores por diante, Miguel Anxo Fernández Lores chamou a Pontevedra a “seguir soñando” e avanzar cara unha nova gran transformación da vila do Lérez da súa man como alcalde. O candidato do BNG asegurou que o concello aínda non tocou o seu teito e debe escribir un novo capítulo consolidándose como un referente de vangarda. “Temos proxectos preparados. Temos experiencia. Temos credibilidade. Temos un modelo recoñecido internacionalmente. Pero sobre todo temos algo fundamental: Temos unha sociedade valente”, subliñou, convencido de que “os vindeiros anos van ser os da gran colleita”.
Lores fixo unha chamada ao futuro. Subliñou que Pontevedra debe manter a ambición e destacou que o BNG está a abrir unha nova etapa que na que van chegar os mellores resultados na transformación urbana e os equipamentos, na consolidación económica, a defensa do comercio, a mellora da mobilidade, a cultura, do deporte, a innovación e a creatividade.
Lores: os vindeiros anos van ser os da gran colleita
Lembrou as actuacións en marcha en Mollavao, O Burgo, A Parda, Monte Porreiro, As Corvaceiras, Valdecorvos, A Seca, San Amaro, en cada punto da cidade, e especialmente nas parroquias e o rural, que asegurou, se vai converter “nun auténtico verxel”. “O que fixemos até o de agora é demostrar que outro modelo de cidade era posible. Hoxe toca dar un salto adiante”, subliñou.
O candidato a revalidar a Alcaldía destacou que o obxectivo ambicioso de seguir mellorando require un ingrediente básico, a solvencia no goberno, con estabilidade, experiencia e convicción. Fixo fincapé en que hai momentos históricos nos que unha cidade ten que decidir se segue a avanzar un paso por diante “ou se corre o risco de dar un paso atrás”. Ante iso, advertiu que “agora non é tempo de experimentos. Agora é tempo de certezas. Agora é tempo de confiar en quen xa demostrou que sabe levar este barco aos mellores portos do mundo”.
Por todo iso, ante o Auditorio Afundación, Lores pediu con ilusión non só a confianza da veciñanza nas vindeiras eleccións municipais de 2027, senón “algo máis importante”: “Pídovos que sigamos soñando. Pídovos que non nos poñamos límites”. Destacou que o que Pontevedra se xoga realmente é defender unha idea de cidade que se converteu nun exemplo internacional sen deixar de ser nunha ela mesma, devolvéndolle o espazo público ás persoas.
“Hoxe xa ninguén discute que aquela revolución tranquila tiña sentido. Porque Pontevedra demostrou algo moi importante: que unha cidade máis humana tamén é unha cidade máis forte”. Asegurou que a vila medra, atrae actividade, talento, visitantes e proxectos grazas a que ten personalidade propia, conseguindo máis dinamismo económico que moitas cidades da contorna e ofrecendo máis postos de traballo que persoas hai a traballar na propia cidade.
“Os datos desmontan o discurso de que Pontevedra está ben para vivir pero non para traballar. As cidades con mellor calidade de vida son tamén as cidades con máis futuro. E mentres outros defendían modelos do pasado, nós tivemos a valentía de pensar no século XXI. Pontevedra soubo anticiparse”, abondou.
Amais, Lores tamén aproveitou para asegurar que o BNG vai seguir esixindo o que a Pontevedra lle corresponde “con firmeza e dignidade” ante o goberno central, a Deputación ou a Xunta. Subliñou que Madrid esqueceuse demasiadas veces de Pontevedra, que o goberno provincial vive o peor momento de colaboración institucional co Concello dende hai décadas -conxelando investimentos e freando proxectos-, e que o executivo galego acertou só cando fixo caso ás reivindicacións municipais. “Non van conseguir deter esta cidade, porque Pontevedra aprendeu algo fundamental: que non pode agardar a que outros lle regalen o futuro”, zanxou.
Solvencia
A nacionalista Eva Vilaverde foi a encargada de abrir o acto, no que tamén participou a voceira nacional Ana Pontón. A pontevedresa insistiu na idea de darlle un novo impulso a Pontevedra cun Fernández Lores “con máis ambición, máis ideas, máis solucións e máis empuxe ca nunca” e foi a encargada de, con nomes e apelidos, contrapoñer o solvente proxecto nacionalista fronte á inutilidade política de Rafa Domínguez, o candidato do PP.
Vilaverde destacou que “nestes tempos nos que a corrupción salta por todos lados”, o BNG e Lores gobernan Pontevedra con total honradez. Subliñou que a pesares de que o goberno local é dos máis investigados do Estado, nunca atoparon “nin atoparán” ningún tipo de irregularidade. Tamén salientou o traballo nacionalista centrado na equidade e a desaparición das desigualdades, investindo máis no rural que no urbano e nos barrios en peor situación para igualar as condicións de vida. Lembrou que o Bloque incorporou a perspectiva feminista na acción de goberno, nomeadamente no urbanismo e no deseño urbano, creando un modelo dos máis laureados do mundo.
Todo isto, dixo a voceira, distingue ao BNG das demais candidaturas, das que se amosou convencida de que non terán proxecto propio: “Porque mentes o mundo mira e admira Pontevedra. Eles non cren nela. Intentan copiar calquera solución allea porque pensan que o de fóra é mellor”.
En concreto, Vilaverde aproveitou o ‘ruxe ruxe’ de que Domínguez “é un inútil politicamente”. Destacou que o ‘popular’ sabe poñerse nas fotos, culpa a Lores todos os males, paraliza todo canto toca e é un mestre en liala e confrontar con todo o mundo. Subliñou que esas “habilidades” non valen para gobernar Pontevedra, pois a cidade “merece un alcalde con proxecto ambicioso e solvente e que saiba executalo e levalo adiante. E para iso temos a Lores: que ten ambición, proxecto e demostrou sobradamente que sabe levalo adiante”.
Ana Pontón: "Pontevedra precisa outros catro anos máis de Lores para seguir avanzando e demostrando que non ten teito"
Na súa intervención, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que “Pontevedra precisa outros catro anos máis de Lores para seguir avanzando e demostrando que non ten teito”, logo de lembrar que a cidade é admirada no mundo enteiro porque se converteu “nunha cidade mellor para vivir, máis humana, máis segura, máis verde e máis orgullosa de si mesma”.
Pontón explicou que “Pontevedra vai ben” porque ten un desenvolvemento e un funcionamento harmónico, equilibrado e con alta calidade de vida grazas a un goberno do BNG que, man a man coa cidadanía, tivo a previsión e a sabedoría de adiantarse ao futuro, “de avanzar na dirección pola que se debía avanzar”, recalcou.
Neste sentido, salientou que o goberno liderado por Lores centrou as súas enerxías en facer progresar a cidade, sen perder o tempo nin en leas inútiles, nin en localismos rancios e estériles, nin en enfrontamentos coas demais administracións.
O resultado, alegou, está á vista nunha urbe convertida en referencia internacional de mobilidade, urbanismo e calidade de vida, que foi recoñecida e premiada mundialmente e que esperta admiración.
“Pontevedra é o paradigma do modelo municipal de calidade e de éxito do BNG, capaz de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, cunha xestión impecable e eficiente dos recursos públicos”, sintetizou.
A líder nacionalista puxo en valor os avances na mobilidade urbana, na humanización do espazo público, na loita contra a contaminación, na recuperación de espazos naturais, na dotación de servizos ao rural ou na promoción turística.
Xunto a un urbanismo avanzado e racional, tamén destacou a xeración de emprego, o desenvolvemento dunha economía equilibrada ou a promoción do comercio local e de proximidade, todo cun funcionamento harmónico tanto da cidade como do concello.
“O goberno de Lores mostrou sempre estratexia de cidade, planificación e visión de futuro”, remarcou Pontón, quen exemplificou esta visión estratéxica na promoción turística dun executivo local que optou por un turismo de calidade, cun resultado absolutamente positivo para a cidade en termos económicos e sociais, minimizando ademais os problemas para veciños, veciñas e residentes.
Avances todos eles que atribuíu ao talento e talante do rexedor e o seu equipo e ao modelo municipal de éxito do BNG, mais tamén a unha cidadanía que apostou polo proxecto de futuro liderado por Lores, cunha confianza constante que -valorou- mostra unha sabedoría e un amor por Pontevedra digno de todo recoñecemento.
“Esa confianza deu froitos impensables hai anos e seguirá dando moitos máis”, afirmou desde o convencemento de que a cidadanía volverá confiar en Lores e no proxecto do Bloque para que Pontevedra “siga avanzando e sendo unha cidade admirada en todo o mundo”.
A portavoz nacional subliñou que a este exitoso camiño aínda lle queda moito percorrido e está moi lonxe de chegar ao seu fin porque, incidiu, a cidade “non ten teito”. “Hai quen fala de que está en marcha a segunda transformación de Pontevedra; non sei se é a segunda, a terceira ou a cuarta, pero do que si estou segura é de que está en marcha unha nova transformación profunda, tanto urbana como rural”, manifestou.
Unha nova transformación baseada no desenvolvemento de novos proxectos de futuro, tan potentes, ilusionantes e transformadores que, augurou, van seguir mantendo a cidade como un referente dentro e fóra de Galiza. “Por iso estou segura que a cidadanía de Pontevedra vai dar unha vez máis exemplo da súa sabedoría renovando, con máis forza, a súa confianza no proxecto do BNG liderado por Lores”, concluíu.
O acto, que encheu o auditorio de Afundación, foi presentado pola responsábel local do BNG, Sabela Bará, e rematou cun video sorpresa, no que máis dunha ducia de veciños e veciños lle transmitiron a Miguel Anxo Fernández Lores o seu recoñecemento e cariño polos seus 27 anos á fronte dun goberno municipal que mellorou substancialmente a vida das persoas de Pontevedra.