Pontevedra abre o 1 de xuño a inscrición para unha visita guiada ao Esteiro do Miño no marco do proxecto europeo Green Gap

Estuario do Miño
Estuario do Miño
Pontevedra abre o 1 de xuño a inscrición para unha visita guiada ao Esteiro do Miño no marco do proxecto europeo Green Gap

Pontevedra, 29 de maio de 2029. O Concello de Pontevedra, na súa calidade de socio do proxecto transfronteirizo Green Gap, organiza o vindeiro sábado 13 de xuño unha visita de campo ao esteiro do Miño aberta á cidadanía. O obxectivo principal da actividade é dar a coñecer o espazo natural e achegar aos asistentes as actuacións piloto de infraestrutura verde desenvolvidas na zona para protexer a biodiversidade e mellorar a resiliencia fronte ao cambio climático.

A contorna da visita está integrada na Rede Natura 2000 e destaca polo seu excepcional valor ecolóxico, ambiental e paisaxístico. Durante a xornada, os participantes poderán descubrir sobre o terreo os resultados da restauración impulsada por Green Gap, un proxecto cofinanciado polo programa Interreg VI España– Portugal POCTEP 2021-2027. Entre as principais intervencións na área figuran a eliminación de especies exóticas invasoras dende Tomiño ata a desembocadura na Guarda, a recuperación de zonas de paso e a mellora de dous observatorios de aves.

A saída realizarase ás 10:00 horas da mañá dende a rúa da Alameda, 6 e o regreso está previsto para as 14:05 horas. Trátase dun percorrido de dificultade baixa, adaptado para a cidadanía en xeral, que permitirá a observación de diversas aves acuáticas e migratorias e a interpretación de hábitats fluviais. A actividade inclúe de balde o transporte en autobús de ida e volta, monitores ambientais, seguro, material divulgativo, ademais dunha pequena merenda saudable con auga. Cabe destacar que, de xeito paralelo, o proxecto contempla outra visita enfocada especificamente a institutos.

Prazas limitadas e recomendacións para a visita

A participación é de bald, pero require de inscrición previa obrigatoria, que se abrirá o luns 1 de xuño a través da plataforma municipal apuntate.pontevedra.gal. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición, contando cun límite de 45 persoas ata completar a capacidade máxima do autobús. No caso de esgotarse a dispoñibilidade, a organización habilitará unha listaxe de agarda para cubrir posibles baixas.

Recoméndase acudir con roupa e calzado cómodos, axeitados para camiñar pola natureza. Tamén se aconsella o uso de protección solar ou gorra en caso de tempo solleiro, e roupa de abrigo ou impermeable se as condicións meteorolóxicas así o esixen. A maiores, os participantes que dispoñan de prismáticos poden levalos para facilitar a observación da avifauna do esteiro, aínda que non son estritamente necesarios para o desenvolvemento da actividade.

Pontevedra abre o 1 de xuño a inscrición para unha visita guiada ao Esteiro do Miño no marco do proxecto europeo Green Gap