CONVOCADA POLA ADPR
Unha nutrida manifestación esixe en Pontevedra o arquivo de altri e o peche de Ence
Cunha faixa co lema “Nin ALTRI NIN ENCE, Queremos vida. Queremos futuro. Non ao espolio da Galiza”, o BNG participou na mobilización convocada pola APDR contra ENCE e ALTRI, que este ano percorreu as rúas da cidade e rematou nun xantar festa na alameda.
Ao remate da manifestación, o presidente da APDR, Antón Masa, deu lectura ao manifesto, afirmando que se está "nun momento moi bo" da loita ambiental tanto contra Altri como contra Ence.
De feito, a mobilización produciuse poucos días despois de que a Xunta iniciase o arquivo do proxecto de Altri, froito da presión cidadá e das masivas mobilizacións levadas a cabo en toda a Galiza, e de que Altri presentase alegacións contra este arquivo. O Presidente da APDR resaltou que se o proxecto está morto -como afirmou a conselleira de Industria- “ten que ser enterrado para non cheire”
No caso de Ence, a APDR vincula as súas expectativas ás recentes actuacións da Comisión Europea respecto da Lei de Costas, xa que o futuro regulamento estatal podería limitar a duración das concesións en dominio público marítimo-terrestre a un máximo de 75 anos, afectando directamente á permanencia da pasteira en Lourizán.
A isto hai que engadir que o Concello de Pontevedra mantén aberta a batalla xudicial contra a ampliación da concesión outorgada á empresa, xa que o Tribunal Constitucional admitiu a trámite o recurso de amparo presentado pola administración local.
“Non podemos desligar a loita contra ALTRI da loita contra a celulosa de ENCE en Lourizán; ambas as dúas son parte dunha mesma loita, da loita contra a contaminación dos ríos e das rías, pola recuperación dos nosos recursos, da nosa economía e calidade de vida; son parte tamén da loita contra unha política forestal baseada na masiva eucaliptización do monte galego, unha política responsábel directa dos voraces incendios que asolan Galiza ano tras ano. Son parte, en definitiva, da loita pola defensa dun modelo económico diferente ao potenciado polo Partido Popular desde a Xunta de Galiza, da loita por un modelo de desenvolvemento sustentábel que prime a defensa do medio ambiente, dos nosos recursos naturais, do noso agro e dos nosos montes; un modelo que antepón os dereitos da cidadanía fronte aos intereses económicos das empresas multinacionais expoliadoras da nosa terra” afirmou Antón Masa.