A voz escrita das mulleres, con Ledicia Costas e Sara Vila pecharán o ciclo dos Faladoiros Feministas 2026
Pontevedra, 29 de maio de 2026. Dúas autoras, de dúas xeracións diferentes, serán as protagonistas de A voz escrita das mulleres, o último dos Faladoiros Feministas 2026, o ciclo de debate promovido pola Concellería de Igualdade, dirixida por Anabel Gulías, ao abeiro do programa Primavera Feminista. Ledicia Costas Álvarez e Sara Vila Alonso compartirán experiencias e reflexións arredor da literatura, o mundo editorial e a vida.
A cita é o vindeiro mércores 3 de xuño, ás 19.00 horas, e terá como escenario os xardíns de Marescot, fronte a Belas Artes (a facultade sería o escenario alternativo en caso de adverso meteorolóxico). O faladoiro estará conducido pola xornalista Laura Fresneda.
Cando as mulleres alzan a voz (tamén a escrita), de que falan? Están as autoras máis expostas (a críticas, descualificacións ou violencia) que os autores cando elixen temáticas, expresan opinións ou valoran acontecementos? Teñen medo de falar e contar? Cando as lectoras (e lectores) elixen un libro, que buscan? Cando unha editorial selecciona unha obra, que ítems valora para publicala? Cando un xurado outorga un premio, que ten en conta? Quen está ao fronte desa editorial e dese xurado? Ata onde persiste o nesgo de xénero no mundo literario? Son algunhas das cuestións que estarán enriba da mesa no faladoiro.
É unha realidade que hai un boom de autoras galegas, que os seus libros están nas listaxes dos máis lidos -por exemplo, Pel de Cordeiro de Ledicia Costas ou O incendio de Sara Vilas-, que copan os premios e que a literatura actual non se entendería sen elas. Porén as editoriais, a crítica e os patrocinios son dominios masculinos.
Ninguén mellor que dúas voces (escritas) de muller para analizar, debater e debuxar a ficción e a realidade dunha sociedade, no que avanza, o rexeitamento ao feminismo, e cuestiona a igualdade e diversidade.
Autoras
Ledicia Costas Álvarez (Vigo, 1979). Recoñecida autora de literatura infanto-xuvenil, con premios como o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (2015), tamén é unha destacada autora de literatura para adultos.
Golpes de luz, Infamia ou Pel de Cordeiro son exemplos de historias de mulleres que sofren e loitan contra o poder establecido, que nos interpelan e axudan a entender quen somos
Sara Vila Alonso (As Neves, 1989). Con apenas tres obras, abriuse oco na literatura galega. O xornalismo, no que se formou e traballou con anterioridade, deixou pegada nos seus relatos e dun xeito máis claro na obra que marcou o seu despegue Oito días sen Eva Cortés, baseada na desaparición da pontevedresa Sonia Iglesias.