A Policía Local de pontevedra recibe formación especializada na intervención e atención integral a vítimas de violencia machista
Pontevedra, 29 de maio de 2026. A Policía Local está a recibir formación dentro do programa "Intervención policial en violencia contra a muller: Claves para unha intervención profesional" co obxectivo de garantir unha resposta óptima e profesional ante os casos de violencia contra a muller. A iniciativa, que suma un total de oito horas lectivas estruturadas en dúas sesións, busca mellorar a capacitación dos axentes nun intre no que a calidade da primeira resposta resulta determinante tanto para a seguridade da vítima como para a recollida de probas e a viabilidade do posterior proceso xudicial.
O curso está organizado pola Concellería de Protección Cidadá, en estreita colaboración con APAIOGA (Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega), e conta coa supervisión técnica do Centro de Información á Muller (CIM). A meta do Concello é que a meirande parte do cadro de persoal da Policía Local adquira esta instrución especializada. A primeira quenda da formación, na que xa participan 32 axentes, finalizou onte, mentres que unha segunda quenda está programada para os vindeiros días 8 e 9 de xuño.
Para ofrecer unha visión rigorosa e integral destas violencias, o curso conta cun cadro docente conformado por tres relatoras expertas no ámbito xudicial, social e psicolóxico.
Durante a primeira sesión de traballo, a maxistrada da Audiencia de Pontevedra, Belén Rubido de la Torre, encargouse de afondar no marco xurídico que ampara ás vítimas. A súa intervención centrouse na abordaxe de cuestións puramente prácticas para os axentes, tales como a correcta instrución dos atestados, as garantías de seguridade e os protocolos de recollida de evidencias.
Pola súa banda, na segunda xornada tomaron o relevo as áreas sociolóxica e psicolóxica. A educadora social e axente de igualdade Lucía Pereda Pérez, experta nestas violencias, ofreceu as claves para identificar a orixe da violencia contra as mulleres e a súa manifestación no día a día. Finalmente, a intervención da psicóloga Lara Fuentes Enjamio centrouse no trato directo no momento dos feitos: dende o manexo da comunicación para xerar un clima de confianza que facilite a denuncia por parte da vítima, ata as pautas recomendadas de interacción co agresor.
Con estes tres eixes de actuación, a Policía Local de Pontevedra busca conxugar coñecementos xurídicos, pedagoxía sobre o fenómeno e habilidades prácticas coa finalidade de consolidar as competencias do corpo fronte á violencia de xénero e ofrecer un servizo máis eficaz, humano e seguro.