O Concello de Soutomaior estreará a nova Aula de Estudo aberta os 365 días do ano

Rosana Comesaña e Manu Lourenzo na Aula Municipal de Estudos
Rosana Comesaña e Manu Lourenzo na Aula Municipal de Estudos
O Concello de Soutomaior estreará a nova Aula de Estudo aberta os 365 días do ano

Soutomaior, 28 de maio de 2026. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a concelleira de Promoción Económica, Rosana Comesaña, visitaron nesta xornada a nova instalación que se sitúa na Antiga Escola de Romariz, na Rúa Romariz s/n, en Soutomaior, e contará cunha sala equipada con 18 postos de estudo, ademais de conexión wifi, baños, zona de descanso e acceso independente ao resto da instalación.

A Aula de Estudo, que abrirá as súas portas o vindeiro mes de xuño, permanecerá aberta os sete días da semana, de 07:00 a 01:00 horas, durante os 365 días do ano, ofrecendo así un amplo horario adaptado ás necesidades do alumnado e das persoas usuarias. No caso de peches temporais por outros usos, o Concello informará previamente ás persoas usuarias coa suficiente antelación.

Tal e como dixo nesta xornada o alcalde, Manu Lourenzo, “con esta nova aula de estudo en Romariz damos resposta a unha demanda histórica da mocidade e do estudantado de Soutomaior. Queremos que todos os veciños e veciñas teñan acceso a espazos dignos, tranquilos e adaptados para estudar e formarse.” 

Este novo servizo municipal está dirixido ás persoas empadroadas no Concello de Soutomaior maiores de 16 anos que estean a realizar estudos regrados ou non regrados. No caso de menores de idade, será necesaria autorización da persoa titora legal.

O acceso á aula realizarase mediante un código persoal e intransferible facilitado polo Concello unha vez presentada e aprobada a solicitude correspondente. O sistema de acceso está pensado para favorecer a autoxestión do espazo por parte das persoas usuarias, garantindo ao mesmo tempo a seguridade das instalacións.

Neste sentido, o espazo conta cun sistema de videovixilancia conectado en tempo real coa Policía Local de Soutomaior e coa empresa de seguridade encargada do servizo. Ademais, persoal municipal autorizado poderá realizar revisións periódicas para comprobar o correcto funcionamento da aula e o cumprimento das normas de uso.

Desde o Concello destacan que esta iniciativa responde ao compromiso municipal coa educación, a igualdade de oportunidades e a creación de recursos públicos que faciliten o acceso á información e á formación da cidadanía. O alcalde tamén dixo que  “investir en educación e en espazos públicos de calidade é investir no futuro de Soutomaior. A veciñanza merece contar cun lugar axeitado no que preparar exames, traballos e oposicións en boas condicións.”

As solicitudes deberán presentarse a través da sede electrónica municipal mediante instancia xeral, achegando a solicitude correspondente e copia do DNI da persoa usuaria e, se é o caso, da persoa representante.

As inscricións poden realizarse na sede electrónica municipal:
https://soutomaior.sedelectronica.es/info.0

O Concello de Soutomaior estreará a nova Aula de Estudo aberta os 365 días do ano