O Concello de Pontevedra aproba a contratación do proxecto de mellora da rede de saneamento e de pluviais na rúa das Camelias, en Ponte Muíños

Eva Vilaverde
Eva Vilaverde
O Concello de Pontevedra aproba a contratación do proxecto de mellora da rede de saneamento e de pluviais na rúa das Camelias, en Ponte Muíños

Pontevedra, 28 de maio de 2026. A tenente de alcalde de Pontevedra, Eva Vilaverde, deu conta da aprobación por parte da Xunta de Goberno Local do proxecto de saneamento e pluviais na rúa Camelias, no barrio de Ponte Muíños, que contará cun orzamento de 175.191,11 euros e un prazo de execución de tres meses. Esta obra contempla a instalación de novas tubaxes de PVC a gravidade de 250 mm para saneamento e 200 mm para pluviais.

A tenente de alcalde explicou a necesidade desta intervención porque "hai un antigo colector que se atopaba en moi mal estado, presentaba filtracións e zonas obstruídas, incluso parcialmente derruídas". Para poñerlle fin a estas deficiencias, Vilaverde destacou que "o que se vai a facer é renovar toda a rede", unha intervención que definitivamente "resolverá os problemas dos edificios e as vivendas situadas na marxe sur da rúa Camelias".

Doutra banda, a Xunta de Goberno tamén aprobou á contratación do servizo de revisión integral do material dos bombeiros, que inclúe espaldeiras, máscaras, reguladores, explosímetros e os equipos de protección respiratoria autónoma. O contrato sae a licitación por un importe de 44.573,38 euros e terá unha duración inicial de dous anos, con posibilidade de tres prórrogas anuais (ano a ano).

Eva Vilaverde subliñou a importancia deste contrato para o corpo de emerxencias xa que cobre a "prevención e revisión de todos os equipos individuais de protección e seguridade dos bombeiros durante as súas actuacións en operativos". Fixo fincapé en que o obxectivo é "asegurarnos de que todo estea en perfecto estado de revista" cando os efectivos teñan que facer fronte a calquera intervención.

O Concello de Pontevedra aproba a contratación do proxecto de mellora da rede de saneamento e de pluviais na rúa das Camelias, en Ponte Muíños