O Concello de Barro aproba por unanimidade unha moción do BNG para solicitar ao goberno do estado que recupere a estación de tren da Portela
Barro, 28 de maio de 2026. O Pleno do concello de Barro deu luz verde á Conta Xeral de 2025 e aprobou por unanimidade unha moción proposta polo BNG para esixir ao goberno do estado a recuperación da estación da portela como parada estratéxica da rede de proximidade e a implantación de servizos ferroviarios con horarios e frecuencias útiles para a veciñanza de Barro e a zona de influencia.
Durante a defensa da iniciativa, o portavoz do BNG, Adrián Silva Magdalena, recalcou a necesidade de reverter o abandono desta infraestrutura, que actualmente conta con apenas dúas paradas diarias en horarios que non coinciden coa lóxica dos desprazamentos laborais ou estudantís. Este illamento obriga á veciñanza a depender sistematicamente do coche particular para viaxar a núcleos como Pontevedra, Vilagarcía, Santiago ou Vigo, o que supón un claro agravio económico para as familias e vai en dirección oposta aos obxectivos de redución de emisións.
A través do acordo unánime de toda a corporación, o Concello de Barro esixe formalmente ao Goberno central a posta en funcionamento inmediata da estación da Portela como unha parada efectiva. Así mesmo, a reclamación inclúe a creación de servizos ferroviarios con frecuencias e horarios adaptados ás necesidades reais de desprazamento por motivos laborais, educativos ou sanitarios, garantindo que o tren sexa unha alternativa real para a poboación de Barro e área de influencia da estación.
A maiores, a moción solicita de xeito urxente a ADIF e a Renfe o acondicionamento e mantemento de todo o entorno da estación, asegurando a limpeza periódica, a mellora da iluminación e a dotación de zonas de agarda que eviten que as persoas usuarias queden á intemperie.