5 DE XUÑO. SÁNCHEZ CANTÓN

O rexeitamento do feminismo entre os mozos e a transmisión do machismo nas redes centran a segunda edición de Profesfera

O rexeitamento do feminismo entre os mozos e a transmisión do machismo nas redes centran a segunda edición de Profesfera

Pontevedra, 28 de maio de 2026. A biblioteca do IES Sánchez Cantón acolle o venres 5 de xuño (de 16.30 a 20.30 horas) a segunda edición da Profesfera, unha xornada de formación dirixida ao profesorado interesado en promover a igualdade nas aulas, e que está organizada pola Concellería de Igualdade.

No encontro porase o foco en como evitar o rexeitamento que provoca nalgúns mozos calquera actividade relacionada co feminismo e analizaranse as mensaxes machistas que se propagan a través das redes sociais.

Do primeiro tema encargarase o psicólogo Ricardo Fandiño, presidente da Asociación para a Saúde emocional na Infancia e a Adolescencia- ASEIA, coa palestra Por que hai mozos que se enfadan cando falamos de igualdade? (16.45 horas).

Fandiño conta cun mestrado en menores en situación de desprotección e conflito social da Universidade de Vigo e outro en Sexoloxía e educación sexual da Universidade de Alcalá de Henares, e traballa con adolescentes nos ámbitos da investigación, prevención e intervención.

Cartaz A Profesfera 2026
Cartaz A Profesfera 2026

Para analisar os contidos machistas transmitidos á mocidade a través das redes e os modelos sexuais aprendidos a través da pornografía, a Profesfera contará con Lucía Pereda, educadora social e axente de Igualdade, coa palestra O machismo nas redes (17.45 horas).

Pereda, formadora en igualdade, conta cun mestrado en Estudos de xénero e é experta nos efectos da pornografía na educación afectivo-sexual.

A xornada pecharase coa mesa redonda A min funcionoume! na que docentes de distintos centros falarán de actividades con perspectiva de xénero que desenvolveron con éxito nas aulas (19.30 horas). Nela participarán:

Carme Adán, filósofa e primeira secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galiza, que falará da súa experiencia como docente de persoas adultas no IES Castelao de Vigo, e tamén da visita que realizou co alumnado ao cárcere de mulleres.

Diana Vila Meis, profesora que exporá as actividades realizadas no IES Illa de Ons de Bueu, que lle valeron o premio de Boas prácticas en Igualdade entregado no 2024 pola Deputación de Pontevedra.

Carmen Mayán, psicóloga que explicará a súa experiencia na posta en marcha de NeoFem, a exitosa iniciativa que involucrou a alumnado pontevedrés na loita contra o machismo.

A II Profosfera será inaugurada ás 16.30 horas pola concelleira de Igualdade Anabel Gulías e estará conducida por Daisy Alcalde, docente e presidenta de APAIOGA (Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega).

A actividade é de balde pero precisa inscrición, a través da web apuntate.pontevedra.gal ou no ligazón do formulario: https://apuntate.pontevedra.gal/a-profesfera/

O rexeitamento do feminismo entre os mozos e a transmisión do machismo nas redes centran a segunda edición de Profesfera