7-14 DE XUÑO

Sete Falares regresa a Pontevedra con 11 contadores e contadoras de historias e unha peza teatral

Rolda Sete Falares
Rolda Sete Falares
Sete Falares regresa a Pontevedra con 11 contadores e contadoras de historias e unha peza teatral

Pontevedra, 1 de xuño de 2026. O edil de Cultura Demetrio Gómez presentou esta mañá acompañado de Tareixa Alonso e Xacobe Rodríguez de Pavís Pavós, coordinadores do festival, unha nova edición de Sete Falares, que terá lugar entre o 7 e o 14 de xuño.

Este Encontro Internacional de Contadoras e Contadores de Historias, que botou a andar en 2012, empregará desta volta novos espazos da cidade, convertidos en escenario para as voces chegadas da Galiza, Cuba, Brasil ou Portugal entre outros países,

Durante a presentación do evento, o edil de Cultura destacou que “este festival permite gozar da cidade como unha verdadeira festa da palabra" e reivindicou a narración oral non como unha arte menor, senón como a "primeira arte da narración, a máis antiga, capaz de conectarnos con temas e formas dun pasado moi lonxano. Esta edición será especialmente rica en matices lingüísticos, grazas aos diferentes “sotaques” do galego, do portugués e do español que traerán as relatoras convidadas”

Pola súa banda, Xacobe lembrou que o “Sete Falares leva camiñando dende o ano 2012, traendo voces de todas as partes do mundo”. Malia os inconvenientes ocasionados polas obras no Teatro Principal, reinventámonos convertendo o problema nunha oportunidade para descubrir novas localizacións e facer que a cidade cheire a contos durante toda a semana. Amais, amosou agradecemento e ledicia porque a Asociación de Narradores Orais de Galicia (NOGA), fixera coincidir a súa asamblea anual co encontro, “consolidando Pontevedra como o lugar central da narración oral no país”.

O encontro contará coa participación de destacadas narradoras internacionais como Benita Prieto de Brasil, Aldo Méndez de Cuba e Valter Peres desde Portugal, concretamente dos Açores e o colectivo madrileño Borrón y cuento nuevo. Estas voces internacionais compartirán a programación con recoñecidas artistas galegas da talla de Ángeles Goás, Cris de Caldas e Celso F. Sanmartín.

Tareixa, responsable de debullar o programa, apuntou que o festival botará a andar o domingo 7 de xuño no Auditorio do Pazo da Cultura ás 20.30h. coa peza teatral "Apaga o candil" da compañía galega Contraproducións. “É o único espectáculo de pago de todo o programa. As entradas estarán á venda a partir do martes 2 de xuño ás 10.00h en Ataquilla.com. O teatro é outra artes escénica na que a fala ten unha relevancia moi importante, pero non o fixemos por iso, senón porque esta obra vai sobre a vida de Carlos Díaz “o Xestal”, un humorista, contador de historias, popularizou a canción do mesmo nome, e foi unha figura moi comprometida socialmente naqueles tempos. Interpretada por Avelino González, outro contador que estivo con nós o ano pasado, e por Toni Salgado, E está dirixida por un grande contador que é Cándido Pazó”.

A partir de aí, a narración oral estenderase por sedes tan diversas como o IES Valle Inclán, a Casa das Campás, a Residencia de Maiores de Campolongo, os Xardíns de Marescot, o Liceo Casino e a Casa da Luz.

Dentro da numerosa programación, Alonso destacou a levada a cabo na Residencia de Maiores de Campolongo que “conta cun acceso directo desde a rúa ao Salón de Actos. Unha das razóns pola que escollemos tamén esta espazo para a actuación de Celso Fernández Sanmartín o luns 8, é porque antes de ser contador e poeta, Celso traballou nunha residencia en Lalín, e foi alí, escoitando as historias dos maiores, onde naceu esa nova inquedanza”.

Tareixa puntualizou tamén a única actividade que precisa de retirada de convites no edificio de Michelena 30 a partir das 20.30 horas do sábado 13: o Vieiro de historias por Pontevedra que terá lugar en 4 quendas de 50 persoas cada unha. Nesta actividade, o público poderá percorrer a cidade, visitando lugares emblemáticos mentres escoita relatos de varios dos contadores convidados, como Pavís Pavós ou o propio Aldo Méndez.

O encontro clausurarase o domingo 14 no Salón de actos do Pazo da Cultura, reunindo por última vez a gran parte do elenco internacional deste ano.

A organización que agradeceu a colaboración do Concello para sacar adiante este programa e tamén a todas as institucións que cederon espazos para as contadas, lembra que a programación vai dirixida a público adulto e que toda a información detallada, así como as actualizacións de última hora, poden consultarse na páxina web oficial.

Sete Falares regresa a Pontevedra con 11 contadores e contadoras de historias e unha peza teatral