Pontevedra acolle a “graduación” dunha trintena de alumnas/os do curso de Formación adaptada e participación social 2025-2026
Pontevedra, 1 de xuño de 2026. Unha entrega de diplomas na Casa Consistorial puxo hoxe o ramo ao curso de Formación adaptada e participación social 2025-2026, no que se “graduaron”, nos distintos niveis, unha trintena de estudantes. A Formación Adaptada é un programa da Concellería de Benestar Social, desenvolvido na Casa Azul, que ten como obxectivo dar resposta ás distintas demandas educativas de persoas en situación de vulnerabilidade, que tratan de acceder ou reintegrarse ao mundo laboral ou ben mellorar o seu emprego.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, presidiu o acto acompañado pola concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, e parabenizou ao alumnado que grazas a estes cursos de formación pode ter novas oportunidades no mercado laboral, ademais de mellorar as súas habilidades sociais e coñecementos básicos. Xunto a eles, o xefe de servizo de Benestar, Carlos Muiños e a coordinadora-docente do programa formativo, María Mora.
Antes da entrega dos diplomas acreditativos de asistencia, o alcalde lembrou que Pontevedra “é un concello que coida as persoas máis necesitadas: aos nenos e nenas, as persoas con discapacidade, ás máis maiores, moitas con problemas de mobilidade, que respecta a todas e todos”. E neste marco, situou Fernández Lores, “o programa de Formación Adaptada da Concellería de Benestar Social é un exemplo de inclusión”, está pensado para persoas con dificultades, que teñen aspiracións: laborais, de non depender de ninguén, de formar parte da comunidade...
María Mora, pola súa banda, quixo destacar a importancia dun programa que conxuga formación e inserción laboral e social. “O valor desta formación non é só polo que aprenden, é tamén porque xera lazos de amizade e grupos de apoio para a vida”. “Grazas polo voso compromiso e a vosa implicación” rematou.
O alumnado -derivado desde os servizos sociais municipais- busca e atopa nesta formación ferramentas para afastarse do risco de exclusión. Entre eles atopamos persoas que abandonaron os estudos antes de finalizar a ESO, persoas que necesitan adquirir competencias clave -lingua española, lingua galega, matemáticas e lingua inglesa (non obrigatoria)- que lles abra paso aos cursos das familias profesionais que ofrece o Servizo de Emprego, e persoas que precisan implementar a súa comprensión lectora, expresión oral e habilidades sociais para integrarse no mundo laboral. Un abano de perfís para os que se deseñaron, no curso 2025-26 que acaba de rematar dous percorridos -cada un deles sub-divididos en dous niveis-, guiados polo afán de mellorar a formación, abrir unha porta á inserción laboral e mellorar a sociabilidade. Son os seguintes:
- Competencias clave 1 (nivel 1). Dirixido a un alumnado con nivel baixo de comunicación oral e/ ou escrita e dificultades nas habilidades básicas. Son persoas que precisan apoio específico para mellorar a súa competencia lingüística, adquirir vocabulario e mañas sociais.
- Competencias clave 1 (nivel 2). Deseñado para persoas que necesitan reforzo para mellorar a comprensión lectora e a produción de textos sinxelos e que precisan adquirir habilidades básicas e destrezas prácticas para a vida cotiá.
- Competencias clave 2 (nivel 1). Neste curso integraranse persoas que precisan afianzar e profundar en certos coñecementos necesarios para poder realizar, con éxito, a formación das competencias clave 2.
- Competencias clave 2 (nivel 2). As competencias claves son catro: Lingua Castelá, Lingua Galega, Matemáticas e Inglés. Superar este nivel - equivalente a 2o da ESO, aprox.- abre a portas aos cursos de familias profesionais do SEPE, pero é necesaria unha certificación oficial que se obtén cun exame anual convocado pola Xunta, en Silleda. Media ducia de alumnos/as acudiron á cita a finais de maio.
Á aula deste último grupo puideron asistir, de xeito puntual, persoas que superaron as probas de Silleda pero que precisan axuda e un reforzo académico para poder chegar a matricularse na ESA (Educación adaptada para adultos).