510 PRAZAS EN 20 ACTIVIDADES

O Concello de Pontevedra lanza unha nova edición de "Bótate ao Monte" cun aumento de prazas para gozar da natureza en familia

María Xosé Abilleira
María Xosé Abilleira
O Concello de Pontevedra lanza unha nova edición de "Bótate ao Monte" cun aumento de prazas para gozar da natureza en familia

Pontevedra, 26 de maio de 2026. A concelleira responsable de Monte, María Xosé Abilleira, presentou unha nova edición do programa "Bótate ao Monte", unha iniciativa xa consolidada que busca achegar as familias pontevedresas á riqueza medioambiental dos montes forestais. A programación desenvolverase entre o 30 de maio e o 28 de xuño e contará este ano con 20 actividades e un total de 510 prazas, o que supón un incremento de 60 prazas respecto a edicións anteriores.

A concelleira destacou o éxito desta proposta e o arraigo que ten entre a cidadanía: "a veciñanza de Pontevedra sente o monte como un espazo de encontro, de aprendizaxe, de convivencia, pero tamén de goce". Así mesmo, expresou o seu agradecemento aos coordinadores do programa, Rafael Quintía e Alexandra Rodríguez, e ás comunidades de montes pola cesión dos terreos que hoxe conforman estes parques forestais.

As vinte actividades do programa estarán repartidas de maneira equilibrada polos espazos naturais do municipio: seis levaranse a cabo na Fracha, sete na Tomba e sete no Pontillón do Castro. O cartel desta edición inclúe propostas moi diversas, dende actividades acuáticas como a iniciación ao caiac e ao paddle surf, ata observación solar preparatoria para a eclipse de agosto, rutas de geocaching nocturno, baños de bosque e mesmo un escape room na natureza. Tamén se realizarán obradoiros para coñecer mellor a nosa fauna e flora, como os dedicados aos carnívoros do monte, ás aves e caixas niño, ou ás plantas silvestres.

O MONTE É TEU 2026
O MONTE É TEU 2026

A responsable municipal subliñou que o obxectivo prioritario desta iniciativa é loitar contra o cambio climático mediante a educación medioambiental. Neste sentido, valorou a importancia de traballar coas idades máis temperás, xa que os nenos "son como esponxas e absorben todos os coñecementos e os trasladan despois ás súas propias familias".

Dado que as prazas son limitadas e adoitan esgotarse con rapidez, a concelleira recomendou á cidadanía xestionar as súas reservas con antelación. As inscricións abriranse, por norma xeral, o luns anterior ao inicio de cada actividade, e formalizaranse de xeito en liña a través das páxinas web habituais: apuntate.gal, montes.gal ou no espazo de "Bótate ao monte" en ponte.gal. Como excepción, o prazo para as primeiras actividades desta fin de semana xa se abriu hoxe mesmo, coincidindo coa presentación oficial.

Para rematar, María Xosé Abilleira quixo lanzar unha firme mensaxe de concienciación aos futuros participantes: "o monte é un tesouro colectivo, desfrutalo implica tamén coidalo, respectalo e protexelo. Entre todas e todos temos a responsabilidade de conservar este patrimonio natural para as vindeiras xeracións".

O Concello de Pontevedra lanza unha nova edición de "Bótate ao Monte" cun aumento de prazas para gozar da natureza en familia