O Concello de Pontevedra presenta Ponteverán 2026 cunha oferta de 619 prazas gratuítas para o lecer de cativada e mocidade
Pontevedra, 25 de maio de 2026. O edil de Xuventude, Demetrio Gómez presentou unha nova edición da iniciativa Ponteverán que cada ano oferta actividades culturais e de lecer para cativada e mocidade durante a tempada estival. Serán desta volta 23 propostas e 619 prazas que abrirán o seu prazo de preiniscrición o vindeiro luns 1 de xuño na plataforma municipal apuntate.pontevedra.gal
Gómez apuntou que “a finalidade destas actividades é que durante uns días do verán, rapazada e mocidade fagan algunha actividade diferente. Toda a información está xa visible en apuntate.pontevedra.gal. O sistema de asignación de prazas non atende á orde das solicitudes, buscando que todas as persoas inscritas poidan participar dalgunha das propostas, que o reparto sexa equitativo e, a ser posible, evitando o sorteo. Por exemplo no caso do campamento ‘Regreso á prehistoria” que é o único que ten pernocta e é unha experiencia moi diferente, priorizarase os nenos e as nenas que non foron nunca.
A continuación o edil debullou unha programación pensada para diferentes franxas de idade, comezando con campamentos urbanos para os máis pequenos, entre os 8 e 12 anos, centrados no teatro, a busca de reliquias botánicas, a ecoloxía en Monte Porreiro ou a música, xunto con propostas de iniciación ao piragüismo en Ponte Sampaio e o mini campamento sobre a prehistoria e a natureza.
Para o público a partir dos 13 anos, a oferta diversifícase con obradoiros de cociña intercultural, creación de singles musicais, bordado mexicano, aulas de teatro do mundo, xardíns eternos e formación en informática centrada na navegación segura e na introdución á intelixencia artificial.
O programa complétase con actividades de aire libre e deporte, como o laboratorio de arte sonora ou rutas en caiac e paddle surf polo río Lérez, ademais de xornadas abertas a todos os públicos que inclúen orientación urbana, dendrocronoloxía, ou observacións astronómicas en Cotobade e o Verdugo.
O concelleiro apuntou que a primeira das actividades, o 6 de xuño, é a única que non está aberta ao público en xeral agás que queden vacantes: “Tratase dunha charla ténica destinada a observación da eclipse solar do 12 de agosto, dirixida a mediadores sociais e monitorado tempo libre, para que poidan dirixir actividades o 12 de agosto con absoluta seguridade. Faise en colaboración con Sirio, a Asociación Astronómica de Pontevedra”
Desde a organización sublíñase a importancia do compromiso coa asistencia e a necesidade de comunicar calquera renuncia para permitir o acceso ás persoas que se atopen en lista de agarda.