O Concello de Pontevedra promove, xunto con Adicam, o ciclo Unha ponte cara o benestar feminino sobre cancro xinecolóxico e a saúde do solo pelviano
Pontevedra, 25 de maio de 2026. Saúde, ciencia, medicina e coidados con enfoque multidiscplinar e perspectiva de xénero. Son os vimbios que alicerzan o ciclo "Unha ponte cara o benestar feminino: cancro xinecolóxico e solo pelviano", a proposta informativa y formativa que promove a Concellería de Benestar Social da man de Adicam- Asociación de persoas afectadas por cancro de mama e xinecolóxico.
A responsable de Benestar Social e Igualdade, Anabel Gulías, presentou esta nova proposta da concellería pensada para mulleres, xunto con Esperanza Gil e María Martínez, directiva e traballadora social de Adicam.
“Este ciclo nace froito da necesidade de saber, pois durante moitos anos, as patoloxías femininas estiveron ocultas, no mellor dos casos, ou ridiculizadas ou frivolizadas cando son cuestións que afectan, no día a día, a saúde das mulleres y, en consecuencia, foron esquecidas na investigación, nos recursos públicos, etc...” explicou Anabel Gulías.
Adicam naceu, hai 25 anos, como unha asociación de pacientes con cancro de mama, porén “co paso do tempo vimos como o cancro xinecolóxico ía a máis e que faltaba formación e información, que era o gran esquecido”, explica María Martínez. Neste marco, engade, sitúase a iniciativa Una ponte cara o benestar feminino: cancro xinecolóxico e saúde do solo pelviano, que comeza o vindeiro 2 de Xuño e chegará a decembro.
Os cancros xinecolóxicos (de ovario, endometrio, colo do útero -cérvix-, vulva e vaxina) van en aumento no Estado Español, e a Galiza non é unha excepción. No noso país detéctanse arredor de 8.000 novos casos de cancro ao ano en mulleres (fonte; Consellería de Sanidade) dos cales un volume importante corresponde ao ámbito xinecolóxico, liderado polo cancro de endometrio e seguido polo de ovario.
En consecuencia, cada vez máis mulleres demandan e precisan información sobre prevención (detección temperá), primeiros síntomas ou probas diagnósticas e tamén cada vez son máis as mulleres diagnosticadas que precisan información e acompañamento para enfrontar a enfermidade, os tratamentos e secuelas.
Desde Adicam sinálase un factor clave no proceso de tratamento e superación dun cancro xinecolóxico: o impacto dos tratamentos no chan pélvico. A radioterapia, a cirurxía e certos tratamentos hormonais poden alterar a musculatura profunda da pelve, provocando incontinencia, dor, cambios na sexualidade ou dificultades funcionais que afectan á vida diaria das mulleres.
Para visibilizar e dar resposta a esta realidade, con rigor científico, acompañamento emocional e aprendizaxe práctica nace "Unha ponte cara o benestar feminino... ". Inclúe sete actividades: tres dirixidas á poboación xeral, de carácter divulgativo e centradas na prevención e na educación sanitaria e catro relatorios e obradoiros especializados pensados para que mulleres diganosticadas coñezan o alcance dos tratamentos, consecuencias e prácticas que melloren a súa calidade de vida. “E un proxecto integral que abrangue a saúde física e a menta” subliña María Martínez.
As sesións, que comezarán a vindeira semana, estenderanse ata decembro e desenvolveranse na salón de actos do Edificio da Xunta (entrada pola rúa Javier Puig), onde Adicam ten a súa sede. Malia ser de balde, as prazas son limitadas e é preciso inscrición, a través do enderezo adicam@adicam.net