Prescritores de contidos coñecen de primeira man a riqueza medioambiental da contorna do Botánico e da Carballeira de Caldas
Caldas, 25 de maio de 2026. Unha vintena de prescritores de contidos dixitais, especializados en turismo, medio ambiente, experiencias e viaxes, que acumulan nas súas redes máis de medio millón de seguidores, foron convidados polo Concello de Caldas de Reis esta fin de semana para coñecer de primeira man o proxecto “Xardín Botánico e Carballeira de Caldas de Reis. Museo Aberto 24/7” e poñer en valor os espazos naturais do Botánico e da Carballeira.
Divididos en dous grupos de visitantes, os prescritores de contidos foron informados, tanto este sábado coma este domingo días 23 e 24 de maio, sobre a diversidade botánica e as características dos xardíns do municipio para achegarlles todos os traballos realizados nos útimos meses no Botánico e na Carballeira de Caldas.
Os prescritores, relacionados cos contidos de viaxes, de experiencias e dos plans de ocio, participaron activamente nunha visita divulgativa do proxecto, que se insire dentro da campaña de divulgación organizada pola concellería de Cultura de Caldas de Reis, na que coñeceron de primeira man todos os elementos destacados que conforman o Botánico (como as estatuas e as árbores senlleiras), a súa historia xeral e o resultado e relevancia social, económica, cultural e medio ambiental do xardín caldense.
O sábado 23 de maio asistiron á visita para coñecer os traballos realizados no Botánico e na Carballeira de Caldas a blogueira Cristabel de Viaje (@cristabeldeviaje); Mónica Seoane, directora de guías 20xvinte (@20xvinte); Coque Fariña, cociñeira e creadora de contidos de Caldas de Reis (@mi_coqueteria); Eva Abal, responsable do blog «Una idea, un viaje» (@unaideaunviaje); Dani Keral, especialista en edición e creación de contidos de viaxe, responsable do blog «Un Viaje creativo» (@danikeral); María Rodríguez Serantes, responsable de Galicia Máxica (@galiciamaxica); Delio Rivadulla, artista de tatuaxes que ten o estudo Hobbit en Caldas de Reis (@delio_tattoo); e os blogueiros Iván e Carmen, creadores de contidos de viaxes en «Más allá del barrio» (@masalladelbarrio).
O domingo 24 coñeceron de primeira man as obras realizadas no Botánico integrantes de 20xvinte, guías turísticas gratuitas de Galicia (@20xvinte); Fabián, creador de contido que ensina Galiza nas redes (@wfabianchos); Elida e Rubén, creadores do blog de viaxes EnxebreWorld (@enxebreworld); Beatriz Sotelo, unha das creadoras de contido de viaxes e experiencias máis popular da Galiza (@petiscosgalegos); Bea, creadora de viaxes e experiencias en Galiza en «Bea On Road» (@bea_onroad); e Gabi García, mestre de infantil que co seu humor conquistou as redes sociais (@gabiiig8).
Ampla campaña de divulgación
A campaña de comunicación que está a levar a cabo o Concello de Caldas durará ata finais de maio e rematará a vindeira semana cun grande evento de apertura ao finalizaren os traballos de mellora que devolverán ao Botánico de Caldas todo o seu esplendor, e espérase que sexa o vindeiro sábado 30 de maio.
Nesa xornada festiva e de ocio familiar, o Concello ten preparadas visitas guiadas, charlas informativas, xogos para os máis pequenos cunha xincana e un concerto da Banda de Música de Caldas de Reis. Unha xornada festiva onde o Concello pretende que a veciñanza descubra a nova cara do Botánico tras as obras de mellora levadas a cabo nos últimos meses.
“Museo Aberto 24/7” é un proxecto impulsado polo Concello de Caldas de Reis e conta cun orzamento total de 1.452.000 €
Museo botánico ao aire libre
O proxecto está baseado no concepto de museo aberto 24/7, accesible as 24 horas do día, e entre os principais fitos destacan a rehabilitación integral do parque, a creación dun Centro de Visitantes - Museo 24/7, a dixitalización da experiencia e un evento nocturno de videomapping no Paseo dos Plátanos.
Durante as pasadas semanas, o Concello retirou especies invasoras e plantou 74 novos carballos e exemplares que estiveron no Botánico hai anos. Tamén reformou o Parque dos Choróns, renovou o mobiliario urbano, como bancos e farolas, e ten previsto instalar unha nova estatua dedicada a Francisco Alcarraz, o diseñador do Botánico orixinal en 1884.
Esta actuación inclúe unha nova iluminación ornamental que vai poñer en valor a riqueza patrimonial do Botánico de Caldas. Ademais a experiencia nocturna vaise completar cun espectáculo de videomapping no Paseo dos Plátanos, no que a luz, as copas das árbores e o chan crearán unha atmosfera envolvente.
Información e experiencia inmersiva
No ámbito exterior, instalaranse varios puntos de información con códigos QR para coñecer as especies senlleiras, a historia do BIC e todos os recursos patrimoniais deste espazo emblemático.
En canto o Centro de Visitantes - Museo 24/7, os traballos finalizarán a finais de maio. O centro estará aberto as 24 horas do día e o acceso será automático a través dun código QR.