A Xunta desviou para outras obras a maior parte dos 3 millóns reservados nos orzamentos de 2025 para Santa Clara
Pontevedra, 4 de xuño de 2026. O deputado do BNG por Pontevedra Luís Bará desvelou hoxe na comisión de Facenda do parlamento -no curso das preguntas formuladas ao director xeral de Patrimonio- que a Xunta non transferiu á Deputación de Pontevedra un só euro dos 1.5 millóns incluidos nos orzamentos de 2025 nin un euro dos 1.5 millóns incluidos nos orzamentos de 2026.
Da partida de 1.5 millóns incluida nos orzamentos de 2025 (programa 433A da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural), o goberno galego desviou 1.150.000 euros a outros gastos: no mes de xullo aprobou unha modificación orzamentaria pola que se derivaron 500.000 a gastos de normalización lingüística. No mes de agosto de 2025 levouse a cabo outra modificación pola que se transferiron 650.000 euros a intervencións en edificios (150.000), conservación e restauración de pinturas murais (150.000), conservación de xacementos (150.000) e catalogación do patrimonio (200.000).
Con respecto á partida de 1.500.000 incluida nos orzamentos de 2026, nos meses de xaneiro e febreiro deste ano efectuáronse novas modificacións por valor de 719.258,27 euros, que foron derivados a intervencións en edificios e ao convenio mixto Xunta Igrexa.
Na interpelación ao Director Xeral, Bará denunciou que o presidente da Xunta incumpriu o compromiso asinado en xaneiro de 2024 -en plena precampaña das eleccións galegas- de financiar con 6 millóns de euros a reforma de santa Clara entre 2024 e 2026.
A realidade é que o goberno galego foi incapaz de executar un só euro dos 3.000.000 de euros recollidos nos orzamentos de 2025 e 2026 (neste caso no primeiro semestre de ano). Pontevedra perdeu estes investimentos, que foron derivados a outras actuacións noutrs partes do noso país.
Segundo Luís Bará, a razón principal do desvío destas partidas está na incapacidade de xestión da vicepresidencia da Deputación de Pontevedra: “O señor Dominguez paralizou o proxecto de restauración por infantilismo e por capricho, retrasou unha obra que estaba en marcha con argumentos falsos, como a suposta “vandalización” da horta que agora vai. Tres anos despois estamos no punto de partida e este mandato vai ser un tempo perdido. Os responsábeis da Xunta e da Deputación anunciaron en 2024 que a restauración de Santa Clara remataría en 2027 e a realidade que en 2027, no centenario do Museo, non vai estar nin iniciada”.
Bará concluiu que “Rueda enganou aos pontevedreses cando se comprometeu en xaneiro de 2024 a transferir 6 millóns de euros á Deputación até 2026 para a reforma de Santa Clara: 2 anos e medio despois a Xunta investiu cero euros”