O XV Open de Taekwondo Cidade do Lérez reunirá a case 500 deportistas este sábado no Pavillón Príncipe Felipe
Pontevedra, 4 de xuño de 2026. A cidade de Pontevedra acollerá este sábado 6 de xuño a nova edición do Open de Taekwondo Cidade do Lérez 2026, un torneo de referencia que congregará a case 500 deportistas nas instalacións do Pavillón Príncipe Felipe.
A primeira en tomar a palabra durante a presentación oficial foi a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, quen subliñou que o evento cumpre 15 anos, consolidándose como unha "cita indispensable no calendario do deporte pontevedrés". Gulías destacou a importancia de que institucións como o Concello e a Deputación de Pontevedra "remen xuntas" a favor do deporte, e agradeceu o labor fundamental dos clubs e a aposta de patrocinadores privados, como Artesa Atlántica, por financiar a saúde e o futuro dos nenos e nenas a través do deporte base.
A competición, cuxa entrada será totalmente de balde, dará comezo ás 9:00 da mañá coas categorías absolutas, cadete masculino e precadete, continuando pola tarde, a partir das 15:30 horas, coas categorías júnior, cadete feminino e infantil. Un dato moi aplaudido pola organización é o alto índice de participación feminina, que acada case a metade das inscricións totais.
Desde a organización do evento sinalouse que unha das grandes novidades desta edición: o campionato contará coa tecnoloxía deportiva máis punteira mediante a instalación de oito pistas de combate con "sistemas Gen 3". Esta tecnoloxía de última xeración é a que se esixe a nivel internacional desde finais de 2025 e a que se empregará nas vindeiras Olimpíadas de Los Ángeles, situando a Galiza como pioneira a nivel estatal.
Sobre o tapiz poderase gozar dun altísimo nivel competitivo, coa presenza de deportistas de elite como Elisa Fajardo (dúas veces campioa de España sub-21), Tomasa Franco (campioa de España júnior) e Lucas (campión de España júnior), entre outros grandes nomes.
Durante a rolda de prensa púxose de manifesto o peso da provincia neste deporte. Actualmente, Pontevedra representa practicamente o 50% da Federación Galega de Taekwondo, reunindo ao redor de 24 ou 25 clubs e aglutinando case a metade das licenzas galegas.