O Concello de Barro contará cunha xuntanza de coches e motos clásicas no marco da XLVII Festa do Viño
Barro, 4 de xuño de 2026. O Concello de Barro segue a sumar atractivos á programación da XLVII Festa do Viño coa organización dunha xuntanza de coches e motos clásicas, que se celebrará o vindeiro domingo 21 de xuño en horario de mañá. Esta cita está aberta á participación tanto de automóbiles históricos como de motocicletas, convertendo o municipio nun punto de encontro obrigado para os amantes do motor e do coleccionismo. O público asistente terá a oportunidade de gozar dunha auténtica viaxe no tempo e de admirar de preto verdadeiras xoias sobre rodas, deseños icónicos doutras épocas e vehículos coidados con esmero que forman parte da historia automobilística.
A inscrición para participar neste evento será totalmente gratuíta, aínda que a organización lembra que é de carácter obrigatorio co obxectivo de asegurar unha correcta loxística e distribución dos vehículos no espazo habilitado. Nas vindeiras datas, o Concello de Barro facilitará as vías de contacto e o procedemento para que os interesados poidan reservar a súa praza.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, agradeceu o traballo das persoas organizadoras e amosouse moi satisfeito coa inclusión desta actividade no calendario e destacou o esforzo por ofrecer alternativas variadas durante estas datas tan sinaladas. O rexedor sinalou que esta xuntanza de clásicos é unha actividade máis que vén complementar unha programación da festa pensada para todos os públicos, xa que o obxectivo do goberno local é que a Festa do Viño de Barro sexa un espazo onde grandes e pequenos, veciños e visitantes, atopen propostas do seu interese e poidan gozar xuntos destas xornadas. Desde o Concello convídase a toda a veciñanza e aos afeccionados de toda Galiza a achegarse o domingo 21 de xuño para gozar do ambiente automobilístico e da gastronomía da vila.
Para inscribirse é preciso contactar coa organización no 680 502 154 ou a través do seguinte formulario de inscrición