O Concello de Soutomaior saca a licitación a obra de Roxelio Landeiro
Soutomaior, 4 de xuño de 2026.- O Concello de Soutomaior vén de sacar a licitación as obras de humanización da rúa Roxelio Landeiro, unha actuación clave para continuar coa transformación urbana de Arcade e avanzar cara a un modelo de vila máis sostible, accesible e pensado para as persoas.
A intervención forma parte do proxecto de renovación integral do núcleo urbano de Arcade impulsado polo Goberno municipal e foi posible tras a transferencia ao Concello da titularidade dos tramos da PO-264 correspondentes ás rúas Xosé Solla, Roxelio Landeiro e Calvario, unha demanda histórica que o executivo local conseguiu materializar despois de case dous anos de negociacións coa Xunta.
As actuacións previstas foron acordadas entre o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, nun encontro celebrado na Delegación Territorial da Xunta en Vigo. Froito dese acordo, a Xunta asumirá a execución das obras de mellora na baixada a Ponte Sampaio, mentres que o Concello desenvolverá a actuación correspondente á rúa Roxelio Landeiro.
O proxecto supón unha transformación profunda dun dos espazos máis relevantes do centro de Arcade. A actual vía presenta un importante estado de deterioro e unha configuración marcada polo tráfico rodado e pola insuficiencia dos espazos destinados ás persoas. Coa actuación prevista crearase un ámbito urbano renovado, integrado na contorna histórica da ponte de Ponte Sampaio e adaptado ás necesidades actuais da veciñanza.
A obra contempla a utilización de materiais nobres, como pedra e adoquín, así como a creación de espazos de convivencia mediante plataformas únicas, zonas verdes e novo mobiliario urbano. O obxectivo é mellorar a mobilidade peonil, incrementar a seguridade viaria e favorecer a actividade social e económica no corazón de Arcade.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que “esta actuación representa un novo paso na transformación urbana que estamos impulsando en Arcade. Queremos construír un concello máis amable, máis accesible e máis preparado para o futuro, con espazos públicos que melloren a calidade de vida da veciñanza e contribúan á dinamización económica do municipio”.
Lourenzo lembrou tamén que esta intervención se suma ao importante volume de investimentos actualmente en marcha no municipio. “Nestes momentos temos máis de catro millóns de euros en obras executándose nas rúas de Soutomaior. Estamos sentando as bases dun novo modelo urbano que permitirá recuperar espazos para as persoas e que marcará un antes e un despois na historia do noso concello”, afirmou.
A licitación desta obra constitúe un novo fito no proceso de modernización do núcleo urbano de Arcade e confirma o compromiso do Concello de Soutomaior coa mellora dos espazos públicos, a revitalización económica e a creación dunha vila máis habitable para as xeracións presentes e futuras.