O Concello de Pontevedra presenta o proxecto de renaturalización na Avenida de Marín para reconectar o barrio de Mollavao coa ría
Pontevedra, 4 de xuño de 2026. O Concello de Pontevedra impulsará a renaturalización integral da parcela municipal situada na Avenida de Marín, coñecida popularmente como a "parcela dos circos", co obxectivo de recuperar a conexión do barrio de Mollavao coa ría de Pontevedra. A alcaldesa accidental, Eva Vilaverde, presentou hoxe os detalles deste anteproxecto, que suporá un investimento próximo ao millón de euros.
Vilaverde destacou a ilusión do Goberno Local polo significado que ten esta obra para a zona: "Cando dicimos de actuar sobre ela, non dicimos facer un lavado de cara. É un proxecto ambicioso que lle vai a dar un tratamento digno a esa zona como se merece", subliñou.
A actuación parte dunha rexeneración do terreo dende a base, o que implicará a retirada de materiais de recheo e entullos para dotar á parcela de terra adecuada para a revexetación con especies autóctonas e de ribeira. Así mesmo, instalarase un sistema de recollida de augas pluviais para aproveitar o ciclo da auga na rega das zonas verdes e evitar escorrentías.
Un deseño paisaxístico en alturas con vistas á illa de Tambo
Para garantir as vistas e a harmonía coa ría, o deseño xogará coas alturas da vexetación. Na zona máis próxima á ría plantarase vexetación de ribeira máis baixa e habilitaranse espazos de dunas e area. A medida que se afasta do mar, o espazo transicionará cara a unha zona de pradería con flores orientada ao esparcemento social e, finalmente, a unha zona máis alta de bosque, que contará con arbustos e arborado autóctono adaptado ao cambio climático. Esta disposición permitirá xerar zonas de sombra e espazos educativos para a observación do medio natural.
O espazo será atravesado por sendas de materiais integrados no medio natural e contará con prazas que funcionarán como zonas de estancia. O proxecto inclúe a creación de dous miradoiros, un deles situado de xeito estratéxico para ofrecer unha vista completa e privilexiada da illa de Tambo. Todo o complexo disporá de mobiliario urbano, bancos, iluminación e acabados en pedra do país.
Tramitación e vindeiros pasos
En canto aos prazos e a situación administrativa, a alcaldesa accidental informou de que o Concello xa solicitou os permisos correspondentes a outras administracións. O pasado 8 de maio pediuse autorización a ADIF (cuxo expediente iniciouse o 1 de xuño) pola proximidade da vía do tren, e o 23 de abril solicitouse permiso á Xestión do Litoral da Xunta de Galiza.
Ademais, o proxecto prevé a integración paisaxística da pequena caseta existente na parcela, un espazo cuxa concesión foi recuperada para Costas en outubro de 2025. A execución desta renaturalización iniciarase en canto os permisos o fagan posible e realizarase de xeito coordinado co avance das obras do novo vial (bypass) de Mollavao.
Por último, Eva Vilaverde adiantou que o Goberno Local está a traballar tamén na desafectación da parcela traseira á zona de actuación para destinala a un aparcadoiro disuasorio, en contacto coa Xunta de Galiza, garantindo así unha mobilidade máis ordenada na contorna.