O BNG considera que a reforma do IES Aquis Celenis de Caldas “queda curta” e reclama unha ampliación da oferta educativa
Caldas, 4 de xuño de 2026. Coincidindo coa inauguración das obras de reforma e ampliación do IES Aquis Celenis, o BNG de Caldas advertiu hoxe que a reforma do centro, a pesares de supoñer unha mellora moi necesaria, “queda curta”. O voceiro nacionalista Manuel Fariña advirte de que a actuación executada pola Xunta non resolve algunhas das principais carencias que viña padecendo a comunidade educativa e que continúan condicionando o seu funcionamento diario. Amais, o Bloque reclama unha ampliación da oferta educativa para respostar ás necesidades.
Fariña sinala que a ampliación foi presentada polo goberno galego como unha solución definitiva ás necesidades do instituto, cando a realidade é que seguen existindo importantes déficits que quedaron sen atender. Entre eles, o nacionalista nomea a falta de instalacións deportivas suficientes para atender con autonomía as necesidades do alumnado que, moi probablemente, provocará que a propia Xunta de Galiza siga precisando das instalacións municipais para suplir as graves carencias desta ampliación.
As críticas do Bloque non se limitan á mellora “curtopracista” do edificio. O grupo nacionalista lamenta tamén que a Xunta non aproveite a reforma para impulsar un reforzo da oferta educativa mediante a implantación de novos ciclos de Formación Profesional. "O investimento é positivo para mellorar a calidade da actividade lectiva, mais se houbera unha aposta de futuro pola educación en Caldas estaríase plantexando xa a ampliación do plan de estudos para ofrecer máis oportunidades educativas á mocidade", sostén Fariña.
O BNG lembra que leva anos defendendo a incorporación de novos ciclos formativos adaptados ás necesidades económicas e laborais da comarca, unha reivindicación que a formación nacionalista xa formulara cando se iniciou o debate sobre a ampliación do centro. Porén, unha vez rematadas as obras, subliña Fariña, Caldas segue sen contar cunha ampliación significativa da súa oferta de FP, obrigando a moitos mozos e mozas a desprazarse diariamente a outros concellos para continuar a súa formación. Para as nacionalistas, esta situación evidencia unha falta de planificación educativa por parte da Xunta.
A pesar das críticas, o BNG considera que hai certa marxe para corrixir as carencias e reclama á Consellería de Educación que abra un diálogo coa comunidade educativa e co Concello para planificar e incorporar os novos ciclos formativos. “As necesidades reais do centro non quedaron plenamente cubertas e a Xunta non pode dar por rematado o seu compromiso co IES de Caldas simplemente porque remataron as obras”, afirma Fariña. O portavoz nacionalista conclúe que a educación pública necesita investimentos ambiciosos e planificación a longo prazo.