Seis novos proxectos gastronómicos optan a incorporarse ao primeiro andar do Mercado de Abastos
Pontevedra, 5 de xuño de 2026. A concelleira de Promoción Económica e Mercados, Anabel Gulías, informou dos avances no proceso de licitación do primeiro andar do Mercado de Abastos, confirmando a recepción de seis propostas gastronómicas de grandísima calidade para ocupar os novos postos. Ademais, a edil adiantou os vindeiros pasos para a dinamización do espazo e o inminente comezo das obras de mellora na planta baixa.
Gulías detallou as propostas que superaron a avaliación do ‘Sobre B’ (proxecto gastronómico), destacando a súa diversidade e forte conexión coa identidade da praza:
- Un obradoiro de mercado que non só ofrecerá degustacións, senón que incluirá demostracións culinarias e talleres participativos para visibilizar a transformación do produto local e de tempada.
- Un cocedoiro que permitirá degustar os produtos na praza ou levalos a domicilio, reforzando a identidade mariñeira do espazo.
- Unha iniciativa especializada en sandwichería artesanal contemporánea, baseada na elaboración de focaccias e na fusión da gastronomía galega e a arxentina.
- Proxecto centrado na pizza artesanal mediante procesos de longa fermentación e con masas inspiradas no tradicional pan de bola galego.
- Unha opción de comida mexicana de primeira calidade e de elaboración tradicional, impulsada por unha iniciativa empresarial xa consolidada.
- A Fervella, a continuidade do único negocio sobrevivente da etapa anterior, que demostra a viabilidade do mercado e segue apostando polas súas instalacións.
Sobre os vindeiros pasos administrativos, a concelleira indicou que de forma inmediata procederase á apertura do ‘Sobre C’, correspondente á oferta económica. Unha vez asinados os contratos, os adxudicatarios terán un prazo máximo de tres meses para executar as obras de adaptación, aínda que dende o Concello confían en que as aperturas se produzan xa durante este outono. A estratexia municipal pasa por consensuar cos propietarios se estas incorporacións se farán de xeito simultáneo ou paulatino.
Ante a previsión de que catro dos dez postos ofertados poidan quedar inicialmente vacantes, Anabel Gulías adiantou que o Concello xa traballa nunha nova licitación con pregos máis flexibles. Esta nova fase abrirase a modelos de negocio complementarios como a artesanía e o deseño, e funcionará tamén como unha incubadora para proxectos da hostalería local.
Inminentes obras na planta baixa
Doutra banda, a concelleira anunciou o comezo inminente das intervencións estruturais e da cuberta na planta baixa. O vindeiro luns ás 12:00 horas o Goberno local manterá unha reunión coas concesionarias e concesionarios deste espazo para coordinar a loxística das obras e estudar como minimizar o impacto na actividade comercial, valorando opcións como o traslado temporal de postos mentres se pechan as galerías por fases. A responsable de Mercados tamén quixo dar tranquilidade aclarando que estas actuacións non interferirán en absoluto co funcionamento da planta superior.
Para finalizar a súa intervención, Gulías defendeu a aposta "gradual e sostible" do goberno municipal para reflotar o Mercado de Abastos. Como proba do éxito desta estratexia coordinada, a edil achegou datos rotundos: nos últimos tres anos programáronse 209 actividades dentro destas instalacións.
Estas cifras inclúen iniciativas da área de Promoción Económica, o programa de Capital Gastro do PSTD e numerosas actividades formativas que hoxe en día están enchendo todas as súas prazas. "O mercado vai ser un equipamento que marcará a diferenza no noso concello se se traballa, e non só a nivel gastronómico, senón abrindo moitísimas portas", concluíu.