Unha aplicación de xestión social permite visualizar as zonas “quentes” de demandas e necesidades de Pontevedra, para planificar estratexias de intervención socio-comunitarias e implementar recursos

Anabel Gulías
Anabel Gulías
Unha aplicación de xestión social permite visualizar as zonas “quentes” de demandas e necesidades de Pontevedra, para planificar estratexias de intervención socio-comunitarias e implementar recursos

Pontevedra, 2 de decembro de 2024. Axilizar a xestión e o intercambio de información, mellorar a accesibilidade aos expedientes, coñecer o estado de tramitación en tempo real e a súa urxencia, visualizar as zonas “quentes” do municipio en canto ao número e tipo de demandas, e alertar sobre necesidades e posibles riscos dos usuarios dos servizos sociais do Concello; son estas as melloras que incorpora a actualización da aplicación informática XIESS (Xestión integral de expedientes de servizos sociais) do Concello de Pontevedra que, após dúas semanas de proba, está xa totalmente operativa. 

Esta aplicación de xestión municipal será utilizada polo persoal dos servizos sociais da Concellería de Benestar para elaborar, xestionar e supervisar o expediente social básico. Unha información que dá lugar ao informe social co que o Concello se relaciona coas outras administracións. Ademais, con esta renovada aplicación, accédese á historia social única electrónica, que recolle os datos, valoracións e a evolución da atención social das persoas usuarias do sistema galego de servizos sociais e a identificación dase dos profesionais e servizos que interviñeron na súa atención. 

É fundamental que as traballadoras sociais cubran de maneira exhaustiva a ficha dos usuarios e usuarias, que inclúe datos persoais e familiares, datos de saúde, sobre a vivenda, a contorna de relacións, unha completa información que permitirá detectar e visualizar zonas “quentes” relacionadas co número e tipo de demandas e recursos necesarios. 

A información recollida nos expedientes sociais básicos permitirán realizar unha diagnose social do municipio, que servirá de base para definir estratexias de intervención individuais e comunitarias e facer propostas para mellorar prestacións, implementar recursos e profundar na colaboración inter- institucional. 

Os servizos sociais comunitarios do Concello de Pontevedra contan con nove traballadoras sociais, unha persoa responsable do SAF (servizo de axuda no fogar), unha responsable das axudas de Dependencia, dúas traballadoras do Plan de Inclusión e outra responsábel das persoas sen teito, condutas adictivas..., todos elas coordinadas por unha xefa de sección. 

Unha aplicación de xestión social permite visualizar as zonas “quentes” de demandas e necesidades de Pontevedra, para planificar estratexias de intervención socio-comunitarias e implementar recursos