Presentadas nove ofertas para a renovación integral da pista multideportiva da Tafona
Caldas, 29 de novembro de 2024. O Concello de Caldas vén de recibir nove ofertas de empresas interesadas en realizar a reforma integral da pista multideportes da Tafona. Así o anunciou o Tenente de Alcalde Manuel Fariña, quen explica que no día de hoxe tivo lugar unha reunión da unidade técnica para dar conta das memorias e clasificar as ofertas coa intención de adxudicar os traballos a comezos da vindeira semana.
Fariña amosouse satisfeito do alto número de firmas que responderon á licitación e manifestou a súa confianza en que as propostas sexan da máxima calidade e rebaixen no posible o prezo base do contrato. Explicou que se non hai complicacións por algunha baixa temeraria, a intención do Goberno Local é decidir a adxudicación o próximo día 2 e pechar todos os trámites burocráticos canto antes para iniciar as obras de mellora da pista deportiva de maneira inminente e que a veciñanza lle poida dar uso nas mellores condicións a primeiros de 2025.
A recuperación do espazo deportivo da Tafona, explica Fariña, incluirá a instalación de novos elementos como canastras, porterías, postes e unha rede central móbil de materiais antivandálicos que precisan case nulo mantemento. O espazo de xogo será polivalente e permitirá a práctica de diferentes deportes nunha mesma cancha que terá unhas dimensións e 20x10 metros. Como novidade, a renovada cancha polideportiva terá un peche perimetral dun metro de altura aberto polos fondos.
O Tenente de Alcalde sostén que a reforma integral da pista da Tafona dá resposta á demanda veciñal que reclamaba que as instalacións deportivas fosen útiles, xa que na actualidade apenas hai unha soleira de formigón tras a retirada hai anos dos elementos que estaban en moi mal estado de conservación.
“Recuperamos un espazo que é un punto de referencia na nosa vila. Estou seguro de que moitas mozas e mozos vanse achegar a practicar deporte nas novas instalacións, e iso é positivo porque dá vida a Caldas ao encher de usos o espazo público e ademais contribúe a dar alternativas de ocio e saúde”, sostén o nacionalista.