Soutomaior aproba unha ordenanza para fomentar a boa convivencia e o civismo
A ordenanza susténtase en tres grandes eixos de actuación: a conservación dos espazos públicos e o mobiliario urbano, a regulación do uso privativo destes espazos públicos, e por último as obrigas que recaen sobre as persoas con animais domésticos. As sancións aplicables van dende un mínimo de 100 euros ata un máximo de 800, e imporanse en función da gravidade das faltas cometidas e da reiteración das mesmas. Entre os exemplos deses comportamentos incívicos resaltan tirar cabichas ao chan, non recoller os excrementos dos animais domésticos e depositar residuos en zonas non permitidas.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, subliñou que “na súa gran maioría, os veciños e veciñas de Soutomaior mostran un comportamento exemplar, e con esta ordenanza buscamos que a sociedade non teña que pagar por aquelas poucas que persoas que se saen da tónica do noso concello. O obxectivo é manter a boa sintonía existente en Soutomaior e que a veciñanza desfrute do seu día a día con tranquilidade e sen grandes incidencias”.
Así mesmo, Lourenzo sinalou que “esta ordenanza beneficia tanto ás persoas individuais que se comportan de maneira exemplar no seu día a día como ao comercio local e á imaxe que traslada cara ao exterior Soutomaior. As cuestións recollidas no texto xeran un importante consenso social e foron socializadas coa veciñanza a través do tecido asociativo, cultural e económico de Soutomaior, que nos trasladaron as súas inquedanzas e suxestións para que nós agora as poñamos sobre o papel”.
Neste sentido, o alcalde fixo un chamamento a que a ordenanza poida seguir evolucionando para fomentar aínda máis a boa convivencia. “Trátase dun documento vivo e, como tal, estamos abertos a estudar calquera modificación, sempre e cando entendamos que sexa beneficiosa para a veciñanza de Soutomaior e avanze no camiño de impulsar o civismo na nosa sociedade”.