O Concello de pontevedra inicia a contratación dunha nova área de recreo de 650 metros cadrados no parque das Regas

Visita parque Illa do Covo
Visita parque Illa do Covo
O Concello de pontevedra inicia a contratación dunha nova área de recreo de 650 metros cadrados no parque das Regas

Pontevedra, 29 de novembro de 2024. O Concello de Pontevedra vén de iniciar o proceso de contratación dunha nova área infantil na praza das Regas, no barrio de Valdecorvos, cun investimento de 145.000 euros. Así o confirmou esta mañá o concelleiro Xaquín Moreda, responsable dos Servizos urbanos básicos, entre os que se atopan os parques infantís. Este anuncio fíxoo durante a visita ao parque infantil da Illa do Covo, situado ao carón dos campos de fútbol da Xunqueira. 

Ambas as dúas actuacións responden á orde do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores de manter en perfecto estado de uso estas áreas infantís. Xaquín Moreda recordou que a Xunta de Goberno do Concello aprobara a elaboración dunha diagnose e arranxo dos parques infantís de Pontevedra. A diagnose está en marcha e xa están arranxados os parques da Illa do Covo, a rúa Fonte Santa, Ponte Boleira, a Corborana, a Praza Oito de Marzo (Eduardo Pondal), a Praza da Regas e Luís Otero. E a previsión fixa que os seguintes serán as dúas áreas de xogo das Palmeiras, parque dos Soutos, Maruxa Mallo, o Parque de Europa, o miradoiro de Monte Porreiro e Ernestina Otero Sestelo. 

Xaquín Moreda explicou que a intervención da Illa do Covo é "das máis vistosas porque é un parque moi empregado". O servizo que xestiona Moreda fixo unha mellora integral, a reparación do pavimento botándolle grava e xabre onde fixo falta, reposición das travesas de contención dos pavimentos, a restauración e pintado dos elementos de xogo e a restauración do mobiliario. O custe da reforma foi de 46.646 euros "e xa queda certificado para cumprir as normativas de seguridade". 

O concelleiro adiantou que ademais da diagnose e reparación dos parques infantís, a súa Concellaría tamén está a promover a creación de novas áreas infantís ou a ampliación das existentes, non soamente o mantemento. Avanzou que está en proceso de contratación un proxecto dun novo parque na praza das Regas. 

En realidade trátase dun parque de xogos e a mellora ambiental da zona. Consistiría na instalación dun peche dunha área de 650 metros cadrados onde se atopa o actual parque infantil que se ampliará con novos xogos. A Concellaría deixa nas mans do licitador o deseño da área, aínda que debe cumprir requisitos como xogos adaptados e accesibilidade. A zona complétase con mobiliario público. 

O investimento previsto para esta nova área de recreo é de 145.000 euros. 

O Concello de pontevedra inicia a contratación dunha nova área de recreo de 650 metros cadrados no parque das Regas