O BNG acusa ao PP de querer facer negocio cos dereitos das mulleres ao privatizar os centros de crise para vítimas de violencia sexual
Pontevedra, 29 de novembro de 2024. O BNG acusou hoxe no Pleno da Deputación ao Partido Popular de querer facer negocio cos dereitos das mulleres ao privatizar os centros de crise para vítimas de violencia sexual que se teñen que abrir na Galiza. Así o manifestou a deputada María Ortega, quen afeou que o goberno provincial non aceptase aprobar unha moción de consenso unánime na institución provincial co gallo do 25N polo único motivo de pedir á Xunta de Galicia que os centros de crise sexan xestionados de maneira directa dentro do servizo público de saúde en lugar de deixalos en mans de empresas privadas multinacionais.
Defendeu a nacionalista que a loita contra a violencia sexista debe impulsarse dende o público, xa que actuar contra esa violencia é defender os dereitos das mulleres, un tema estratéxico que non se debe mercantilizar pola súa importancia. Criticou Ortega que o PP non teña un proxecto claro con respecto á loita contra as violencias machistas. “Van dando tombos”, dixo, para engadir que “o que si que teñen claro é que hai que privatizar os servizos públicos: xa o están a facer claramente coa sanidade, tamén o fan coa educación e agora cos servizos de loita contra as violencias machistas”.
Segundo o BNG, semella que o Partido Popular atopou agora na atención á violencia sexual unha nova vía de entrada para dar cartos públicos “ás súas empresas amigas, as de sempre”. “A ninguén lle sorprende que os contratos se formalicen con OHL ou con Eulen. Vai haber máis material para investigar na comisión do Parlamento”, ironizou a deputada.
Ortega explicou que o BNG o presentou a súa proposta de moción para o 25N, Día da Eliminación contra a violencia contra a muller, instando á Deputación a aumentar significativamente os fondos para axudas ás asociacións e concellos, e ademais promova iniciativas propias contra a violencia machista no departamento de Igualdade. O texto nacionalista incluía tamén peticións á Xunta para prestar atención á saúde mental das vítimas como un servizo de Atención Primaria e que se reforcen os Centros de Información á Muller (CIM).
Como “punto estratéxico e liña vermella” pedíase tamén que a Xunta de Galiza rectificase a súa decisión de privatizar os futuros centros de crise 24 horas para a atención de mulleres vítimas de violencia sexual, garantindo a prestación dese servizo dentro do sistema público de saúde.
O PP tendeu a man para un acordo, recoñeceu Ortega, e asumiu todas as peticións nacionalistas agás esta última, rachando toda posibilidade de consenso, polo que preguntou ao grupo ‘popular’ “que intereses os moven para defender de maneira tan radical que eses centros se deixen en man de empresas?”.
As nacionalistas afearon que o grupo ‘popular’ non aceptase unha moción conxunta polo 25N na Deputación unicamente por pedir á Xunta a xestión pública do novo servizo
Ortega insistiu en que o PP provincial só tivo interese en defender a privatización feita pola Xunta, xa que si votou a favor da moción do PSOE na que se deixaba a un lado a cuestión dos centros de crise 24 horas.
En calquera caso, e a pesares de non asumir as esixencias do BNG, Ortega pediu ao PP provincial que cumpra o compromiso de aumentar orzamento propio en Igualdade: “Traballen para que a mellora no seu traballo en Igualdade e na loita contra a violencia machista sexa unha realidade e non só boas palabras para salvar unha data no calendario como o 25N”, pediu.
O goberno do PP na Deputación reduciu progresivamente o orzamento da área de Igualdade e das actividades de loita contra a violencia machista dun 1,17% do total en 2023 a apenas o 0,88% en 2024, e a un escaso 0,80 para 2025.
“Dende o ano 2023 ao 2025, o orzamento xeral da Deputación subiu 28 millóns de euros. Pero, en lugar de propoñer un incremento, cando menos proporcional para a área de Igualdade, vostedes baixaron os fondos na materia en máis de 435.000 euros”, puntualizou a deputada.
Abolicionismo da prostitución “en todas as súas formas”
Por outra parte, dende o BNG pediuse ao PSOE unha transacción á súa moción para declarar a Deputación como institución abolicionista, concretando que debe falarse de “abolicionismo da prostitución en todas as súas formas” e tamén de “condena da mercantilización do corpo da muller”.