O 25-N tingue de violeta as aulas de reforzo educativo para menores que impulsa a Concellería de Benestar Social e xestiona Secretariado Xitano
Pontevedra, 29 de novembro de 2024. O 25-N estivo presente, un ano máis, no programa de reforzo socio-educativo para menores que impulsa a Concellería de Benestar Social e xestiona a Fundación Secretariado Xitano (FSX) co fin de concienciar e formar ás nenas e nenos no rexeitamento á violencia contra as mulleres e na igualdade. O programa desenvólvese ao abeiro do Plan de inclusión social e loita contra a pobreza, co-financiado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) a través do programa FSE+Galicia 2021-2027.
“Non hai escusa, ningunha muller atrás, ningunha nena atrás” foi o lema que guiou as actividades propostas pola FDX para traballar no Día internacional para a eliminación da violencia contra á muller.
Os nenos e nenas do reforzo educativo, prepararon tres cartaces con lazos de cores: negro, morado e branco. “Cada lazo simboliza respectivamente, o medo, a realidade e o futuro que queremos”, explica o monitorado. Ademais recortaron mans en cartolinas de cores, e escribiron mensaxes que falan de realidades e de esperanza, mensaxes do tipo “non máis violencia de xénero”, “queremos un mundo sen violencias machistas”, “todas e todos iguais”...
O alumnado tamén reflexionou sobre o camiño cara a igualdade, a situación na que estamos e na que creen que estamos respecto a educación, emprego, conciliación, participación...
As aulas de reforzo escolar van dirixidas a estudantes de etnia xitana do último ciclo de Primaria ( 5o e 6a) e de Secundaria obrigatoria (1o a 4o dá ESO) e funcionan de luns a xoves, en dependencias da Casa Azul e do centro cultural de Monte Porreiro.
Os/as estudantes reciben por parte dos técnicos e profesoras da FSX acompañamento na realización de tarefas e un seguimento individualizado dos seus estudos co fin de que poidan rematar, con éxito, a ESO e dar a continuidade á súa formación académica ou profesional. O reforzo socio-educativo trabállase tamén coas familias e os centros educativos nos que están matriculados os menores.
O programa de reforzo socio-educativo acubilla tres iniciativas complementarias: o programa Promociona, o programa de seguimento escolar e os obradoiros de lecer interculturais. Son actividades guiadas polo convencemento do poder transformador da educación e o seu rol de acceso ao camiño da igualdade de oportunidades.