O Concerto de Aninovo da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, chega este ano baixo a batuta da directora Renata Oliveira e coa nota de humor do cuarteto Píscore
Pontevedra, 2 de decembro de 2024. O concelleiro Demetrio Gómez presentou o concerto de Aninovo que organiza a Orquestra Sinfónica de Pontevedra en colaboración co concello de Pontevedra. “Trátase dunha das datas que mellor representa o Nadal de Pontevedra, un día para gozar da música, para facelo en familia e probablemente para facelo como se fosemos nenos e nenas que podemos plantarnos no auditorio e gozar da música, descubrindo a música clásica con un programa feito para divertirse e comezar o ano coa maior forza posible. Temos tamén este fantástico cartaz que fixo Ovo e que recolle perfectamente ese espírito do Nadal de Pontevedra, entrañable familiar que queremos todos disfrutar”
A presidenta da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, Judith Rey desvelou que “a tradicional cita do 1 de xaneiro será ás 19.30h. no Auditorio do Pazo da Cultura, este ano baixo a batuta dunha muller, a directora portuguesa Renata Oliveira que xa colaborou no ciclo Mulleres e Inspiración, e seguir demostrando, contra o que din en Viena, que as mulleres poden dirixir un Concerto de Aninovo”.
Xunto coa Orquestra Sinfónica estará no escenario a compañía músico-teatral Píscore que farán que a xente pase divertidos momentos grazas ao seu virtuosismo musical, sen perder a elegancia e estética clásica do concerto.
“Auguramos unha magnífica gala na que gozar de música clásica, bandas sonoras, música actual e por susposto valses e marchas do noso habitual concerto, fusionado cuns toques de humor para comezar o ano con risas e diversión, imprescindibles para alimentar a nosa alma e comezar o ano con enerxía positiva o novo ano”, afirmou Rey
Félix Rodríguez e Diego Rosal, en representación do cuarteto Píscore salientaron que teñen “unha relación moi especial e estreita coa cidade de Pontevedra, actuamos aquí moitas veces e como un dos integrante do grupo é de Salcedo, tamén temos ensaiado moito aquí. Agradecemos moito ao Concello e a Judith por contar con nós e sen querer desvelar moito, a parte do programa pode que haxa algunha outra sorpresa que non imos desvelar nin á directiva da orquestra”.
As entradas están xa á venda en Ataquilla.com a un prezo de entre 12 e 15€ e reducido de entre 10 e 12€ para estudantes, persoas desempregadas e maiores de 65. De non esgotarse, tamén 1h. antes na billeteira do Auditorio do Pazo da Cultura.