Soutomaior presenta un Fin de Ano para todos os públicos

Rosana Martinez Boullosa e Manu Lourenzo
Rosana Martinez Boullosa e Manu Lourenzo
Soutomaior presenta un Fin de Ano para todos os públicos

Soutomaior, 2 de decembro de 2024. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa presentaron a programación que dende o concello teñen preparada para finalizar o ano.  Un fin de ano para que todas as persoas poidan despedir e VIVIR o fin de ano dende Soutomaior. 

A primeira destas citas terá lugar o domingo 29 de decembro co Baile de Nadal para os maiores de 65 anos. Un baile que estará amenizado polo Trío Azbache e que se desenvolverá na Casa do Pobo do Val Sobral. Este baile será totalmente gratuíto e contará con cotillón e cholocatada. Para esta cita o concello porá, tamén de balde, a disposición das e dos veciños buses lanzadeira dende Arcade e pasando polos barrios de Soutomaior para chegar ao lugar da celebración na Casa do Pobo do Val Sobral. As persoas interesadas en asistir o único que terá que facer é inscribirse en liña dende o 9 ata o 20 de decembro. Para facilitar dita inscrición as persoas que o desexen contarán con axuda nas Oficinas Xerais do Concello, en Soutomaior, e nos Servizos Sociais no Centro de Benestar Integrado (Multiúsos), en Arcade. 

Dende o concello animan a todas as persoas maiores de 65 anos a asistir a este Baile, unha festa para que os nosos maiores poidan VIVIR un final de ano como se merece. 

Tras esta celebración chegará a quenda das e dos máis peques, para elas e eles a cita estará centrada no propio día de fin de ano co espectáculo de “Prebadaladas” de Peter Punk. Un evento que se desenvolverá na Alameda de Talo Río en horario de 17:30 a 18:30h. Un espectáculo destinado ao público familiar e onde as e os peques rematarán o ano cun grande divertimento grazas ás peripecias deste clown. 

E para rematar, chegará a GRAN FESTA de FIN DE ANO, que terá lugar na noite do día 31 de decembro na Alameda de Talo Río. Unha cita que será totalmente de balde e que estará protagonizada por “LA YAYA” DJ, que será quen de poñer a bailar a todos os públicos que se achegen a celebrar e VIVIR este fin de ano en Soutomaior. Unha festa que contará cunha carpa climatizada, roupeiro, cotillón, nobingo musical e moito máis... Unha celebración que dará comezo a partir das 00:45h. 

Lembramos que o  Nadal de Soutomaior dará comezo o día 7 de decembro co acendido das Luces, unha cita para a que dende o Concello contarán coa colaboración especial do colectivo EN POSITIVO, Asociación de Diversidade Funcional. Un 7 de decembro que contará con moitas actividades entre as que se atopa o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona. 

Un Nadal para o desfrute de todas as persoas. Podedes informarvos de toda a programación aquí:

Soutomaior presenta un Fin de Ano para todos os públicos