O BNG de Caldas celebra que a Xunta recúe e manteña aberta a unidade do CRA de Santo André
O voceiro nacionalista e responsable municipal de Educación, Manuel Fariña, celebrou a rectificación. Porén, advertiu de que esta decisión non se produciría sen a reacción inmediata da comunidade educativa e sen a denuncia pública realizada, que fixo reconsiderar as súas intencións á Consellería ante a posibilidade dun novo conflito educativo en Caldas. “Temos que alegrarnos porque finalmente prevalecese o sentido común e porque as familias, o profesorado e a veciñanza poden respirar tranquilas. Pero tamén hai que dicir con claridade que, se non se chega a facer pública esta situación, moito nos temíamos que a decisión teríase consolidado sen máis explicacións”, afirmou.
Fariña considera que a rápida marcha atrás da Consellería demostra que a proposta de peche carecía de fundamento, xa que a unidade mantén os cinco alumnos e alumnas que a propia Xunta vén considerando suficientes durante os últimos anos para garantir a súa continuidade. “Onte denunciabamos que non existía ningunha razón pedagóxica nin organizativa que xustificase o peche. Hoxe a propia Consellería recoñece que a aula cumpre cos requisitos, o que evidencia que se intentou aplicar un recorte que non se sostiña cos datos na man a ver se ‘colaba’ sen demasiados dramas”, sinalou.
“Estamos convencidas de que a Consellería recuou porque ao ver a inmediata contestación pública ante a decisión. A presión pública funcionou e evitou un novo recorte educativo en Caldas. Con todo estaremos vixiantes para que non haxa ningún outro novo movemento ao respecto”, afirmou. “Estamos falando do futuro dunha aula, das familias e da organización dun centro educativo. Non é aceptable xogar desta maneira coa tranquilidade da comunidade educativa nin xustificar todo cun simple erro”, apuntou Fariña.
Desde o Bloque Nacionalista Galego advirten que que Caldas xa sufriu nos últimos anos diferentes recortes promovidos pola Xunta e “non se tolerará nin un máis”. “O importante hoxe é que a unidade de Santo André segue aberta e que as familias poden estar tranquilas. Pero tamén é importante deixar claro que a mobilización e a denuncia pública serven para defender os servizos públicos cando alguén pretende recortalos”, concluíu o voceiro nacionalista.