Caldas ponse en "modo nadal" a partir do 30 de novembro co acendido das luces
Caldas, 28 de novembro de 2024. O Concello de Caldas vai poñerse este sábado 30 “en modo Nadal” co acendido da iluminación das festas. Así o anunciou o tenente de alcalde Manuel Fariña, quen destacou que haberá un acto oficial para inaugurar oficialmente a decoración no que haberá música e sorpresas. O evento será na praza das Palmeiras e comezará ás sete da tarde, aínda que o prendido das luces será unha hora despois.
Fronte á simple posta en marcha das luces o ano pasado, nesta ocasión a Concellería de Festas quixo dar máis importancia ao acendido da iluminación para crear ambiente na vila: haberá música, sorpresas e incluso conta atrás e pulsador para acender o alumeado. A festa comezará ás sete da tarde coa animación musical da ‘Mecánica Rolling Band, un grupo de ‘electrocharanga’ de Negreira que cada vez ten máis público e que vai acompañado dun escenario móbil con máquinas de facer lume e faíscas ademais doutros efectos.
Ás 20 horas será o momento ‘estrela’ cando se pulse oficialmente o botón do prendido das luces. Entón en toda a vila iluminaranse 540.858 luces micro led repartidas en 67 arcos e 148 diferentes elementos decorativos por rúas e prazas. Segundo explica o tenente de alcalde Manuel Fariña, este ano haberá máis de 200.000 luces máis que o ano pasado e apenas consumirán 500w máis (17.830w totais), o que fará que a decoración de Nadal “non só faga atractivas as rúas para a xente, senón que ao mesmo tempo será máis sustentable a nivel de consumo”. En total haberá 1.161 metros cadrados de iluminación.
Para o tenente de alcalde é fundamental que a vila estea chea de vida durante as festas de Nadal e agarda que todas as árbores, bonecas, grilandas, e estrelas sirvan de atractivo para que a xente saia a gozar da das rúas e prazas e, de paso, aproveite para facer as súas compras no comercio local. Segundo anuncia Fariña, as luces estarán acendidas ata o vindeiro 6 de xaneiro, despois de Reis, con horario de seis da tarde a dúas da madrugada, ampliándose nas datas sinaladas de Noiteboa e Fin de Ano.
A esta decoración de luces municipal sumarase tamén a creada grazas ao ‘Concurso de Decoración de rúas do Nadal’, unha iniciativa que se desenvolve dende a administración local por segundo ano consecutivo e que repartirá 600 euros en vales de compra nos establecementos de Caldas.