Pontevedra mobiliza case 6 millóns de euros para os barrios da cidade
Pontevedra, 28 de novembro de 2024. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, informou que o goberno municipal vén de mobilizar un total de seis millóns de euros para distintos proxectos en tres barrios pontevedreses: Estribela, Monte Porreiro e A Parda.
No primeiro caso, e co foco na rúa San Cristobo, o alcalde explicou que foi aprobado o expediente de licitación para a reposición de todos os servizos desta rúa —agás o da auga, que xa estaba renovado—, prevéndose un investimento total de case 200.000 euros. Esta obra contará con cinco meses de prazo de execución.
Doutra banda, ao respecto de Monte Porreiro, aprobouse o expediente de licitación para a instalación do saneamento nun tramo da rúa Dinamarca, na parte máis próxima á UNED, e que suporá a aportación de 175.903 euros por parte da administración local.
Con referencia ao barrio da Parda, Fernández Lores indicou que "queda xa adxudicado o novo parque da Parda", sendo a UTE formada polas empresas Ramírez e Covsa a responsable de crear e dar forma a esta futura zona verde. O orzamento para a construción deste espazo é de 5.317.619 euros, sendo o máis importante da súa clase en ser construído nos últimos noventa anos. O rexedor explicou que a da UTE de Ramírez e Covsa foi a valorada como a mellor oferta, incluíndo tres melloras como a construción dun parque infantil, un reforzo do alumeado e unha mellora do mobiliario urbano -todo isto valorado nuns 300.000 euros-. Terá un prazo de execución de 28 meses e traerá consigo a plantación de 1.858 árbores.
Alén destes tres investimentos, tamén foi aprobada a adquisición dun camión con caixa aberta basculante para a brigada operativa de obras, valorado en 50.000 euros. Tamén quedaron aprobadas, de xeito definitivo, as subvencións correspondentes ao ano 2023 para clubs deportivos da cidade.
Por último, o alcalde indicou que durante a Xunta de Goberno Local foi asinado o convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para o desenvolvemento de actividades culturais, de lecer e de promoción da cidade de Pontevedra (convenio que contempla o gasto de 132.000 euros), así como o Plan de Sostenibilidade Turística en Destinos, cun valor de 2.000.000 de euros, que inclúe actividades e actuacións de transición verde e sustentábel, mellora da eficiencia enerxética ou conexións da cidade cos parques forestais, entre outras.