O concello de Barro conxela as taxas e impostos por décimo ano consecutivo
Barro, 28 de novembro de 2024. A corporación municipal de Barro aprobou na noite deste mércores o orzamento municipal para o ano 2025, unhas contas que destacan polo aumento de máis de 305.000 euros a respecto do exercicio anterior, acadando a cifra de 3.246.500 euros. Este incremento débese en maior medida na suba da recadación do IBI á AP-9, unha vez rematado o período no que tiña unha bonificación do 95%.
Estes son os décimos orzamentos desde que Xosé Manuel Fernández Abraldes asumiu a alcaldía e, por décimo ano consecutivo, o executivo municipal decidiu conxelar as taxas e impostos.
Fernández Abraldes fai unha valoración “moi positiva” dos orzamentos para o ano 202, pois segundo o alcalde “estas contas son o reflexo da boa xestión que levamos feito nestes dez anos, xa que vemos como orzamento medra ano tras ano e iso permítenos dar pasos adiante e mellorar os servizos municipais”, e destacou que “sen subir taxas e impostos fomos capaces conseguir que o orzamento aumento ano tras ano”.
Nas contas para o vindeiro exercicio, ademais da conxelación de taxas e impostos, destaca unha importante subida nas partidas de política social e de mantemento, así como a creación dunha nova praza de operario/a de servizos múltiples, co obxectivo de aumentar a capacidade da brigada municipal de mantemento.
Nesta sesión plenaria tomaron posesión Adrián Silva Magdalena e Andrea Pérez Cal como novos membros da corporación, en substitución de Roberto Rivas e Amelia Cancela.
Tamén se aprobaron por unanimidade da corporación o Plan de Igualdade do persoal funcionario e o Plan de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres de Barro.