Soutomaior suma 20 novas prazas de aparcadoiro gratuítas no núcleo urbano de Arcade

Aparcadoiro da oliveira
Aparcadoiro da oliveira
Soutomaior suma 20 novas prazas de aparcadoiro gratuítas no núcleo urbano de Arcade

Soutomaior, 27 de novembro de 2024. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Obras, Pablo Garrido, visitaron o novo aparcadoiro co que conta o concello en pleno núcleo comercial de Arcade. A parcela, que se atopa na estrada que baixa desde o Colexio da Oliveira en paralelo á Avenida Xosé Solla, está xa habilitada e ten capacidade para 20 vehículos. 

Con esta son xa tres as bolsas de aparcamento gratuíto habilitadas polo Goberno de Soutomaior en Arcade desde o comezo de mandato. Xunto co aparcadoiro na rúa Forneira e a ampliación do aparcadoiro principal da Avenida Xosé Solla, en total o Goberno local puxo a disposición da veciñanza e das persoas consumidoras do comercio local máis de 100 prazas de aparcadoiro gratuítas. Un importante incremento que permite desconxestionar o núcleo de Arcade nas horas puntas e impulsar o consumo no concello.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que coa habilitación deste novo aparcadoiro quedan solucionados os problemas de estacionamento que Arcade leva anos a sufrir. “A ampliación do aparcadoiro da Avenida Xosé Solla foi xa un paso de xigante por parte do Goberno de Soutomaior para dar solución a esta problemática, e agora con esta nova bolsa de estacionamento consideramos que o núcleo comercial de Arcade queda correctamente servido en termos de aparcadoiro gratuíto”.

Neste sentido, o alcalde mostrou unha vez máis o seu agradecemento aos veciños e veciñas que, nos tres aparcadoiros mencionados, cederon as súas parcelas para permitir levar a cabo esta importante ampliación de prazas.

“Hoxe Soutomaior conta cun modelo de tráfico e de estacionamento moito máis calmado, accesible e afastado do feísmo urbanístico do que había ao comezo do mandato”, subliñou Lourenzo, quen tamén indicou que “aínda queda moito traballo por facer, e Soutomaior vai necesitar da colaboración de todas as administracións implicadas para que o modelo urbano de Arcade se adecúe ás necesidades reais da veciñanza, do comercio local e de todas as persoas que cada vez máis deciden achegarse ao noso concello por todo o que ofrecemos”.

 

Soutomaior suma 20 novas prazas de aparcadoiro gratuítas no núcleo urbano de Arcade