INVESTIRASE CASE 1,5 MILLÓNS DE EUROS
Caldas acometerá a mellora integral da carballeira e xardín botánico para devolverlles todo o seu esplendor
Caldas, 3 de decembro de 2024. O Concello de Caldas de Reis vén de activar a maquinaria para contratar os traballos que permitirán mellorar de maneira integral a Carballeira e o Xardín Botánico grazas aos fondos do Plan de Recuperación e Resiliencia. O tenente de alcalde Manuel Fariña confirmou que o goberno local recibiu este luns a notificación oficial da axuda de 1,45 millóns de euros e subliñou que o persoal técnico municipal xa está a preparar a documentación para sacar a licitación todos os contratos necesarios para que a posta en valor do “principal e máis emblemático espazo patrimonial natural da vila termal” sexa unha realidade antes de finais de 2026.
Fariña explica que o Concello de Caldas recibiu a subvención do 100% (1.452.000 euros) do proxecto presentado baixo o nome ‘Xardín Botánico e Carballeira de Caldas de Reis. Museo aberto 24/7’. O obxectivo da actuación, explica o nacionalista, é poñer en valor o patrimonio do BIC caldense dende un punto de vista turístico, polo que se deseñarán “actuacións e iniciativas que devolvan o esplendor orixinal ao espazo, que agora é un lugar de encontro, incluíndo experiencias que poidan facer de Caldas un destino atractivo para novos tipos de visitas centradas na natureza, na sustentabilidade e no patrimonio natural e vexetal”.
A subvención está desglosada en oito partes: os fondos deberán destinarse á restauración integral do BIC, ao deseño dun proxecto turístico cunha boa musealización, á monitorización do BIC para controlar a súa saúde natural de maneira intelixente, á apertura dun centro de visitantes 24/7, ao deseño dun plan de enriquecemento da visita dende o ámbito exterior, á instalación de paneis fotovoltaicos para facer máis sustentable o espazo, á implantación dun sistema de xestión e, finalmente, tamén á posta en marcha de iniciativas de comunicación e acción social.
Manuel Fariña anuncia reunións coa veciñanza para garantir a participación de toda a sociedade caldense no proceso
Os primeiros pasos administrativos unha vez notificada oficialmente a subvención serán a apertura da licitación das obra de recuperación do BIC, unha actuación que xa conta cun proxecto deseñado polo enxeñeiro agrónomo e doutor en Paisaxe, director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Pedro Calaza Martínez. Estes traballos, apunta Fariña, xa poden contratarse de maneira inminente polo que dende a administración local estanse a redactar as bases do contrato de execución, que ascenderá a 810.700 euros.
Por outra banda, tamén se ten que sacar a contratación a redacción definitiva do proxecto turístico, que terá como obxectivo atraer visitantes, educalos sobre a cultura e a historia do lugar, así como fomentar un maior aprecio polo patrimonio local. Entre outras cousas, este proxecto deberá deseñar como as persoas visitantes interactuarán coa Carballeira e o Xardín Botánico, debendo incluír actividades que fagan que a visita sexa máis atractiva e significativa. No respectivo á musealización, deberase ver cales son as mellores fórmulas para presentar o espazo e facilitar a súa comprensión por parte do público. “Queremos darlles á carballeira e ao xardín un valor engadido ademais do que xa ten por historia e patrimonio natural”, subliña o concelleiro de Turismo.
Co fin de recadar todas as ideas e propostas posibles, así como de pulsar todas as sensibilidades da veciñanza e dos diferentes colectivos socioeconómicos sobre o futuro da Carballeira e o Xardín Botánico, o tenente de alcalde vén de anunciar a realización de reunións. “Queremos que a opinión da xente conte e veremos a fórmula de incorporala dentro do que serán as propostas do persoal técnico que redactará o proxecto turístico”, sinala Fariña.
Dado que o prazo para xustificar a obra (financiada polo Ministerio de Industria e Turismo con cargo aos Fondos Next Generation da Unión Europea) remata a finais de 2026, a intención do tenente de alcalde é que a maior parte dos traballos de obra estean xa executados no vindeiro 2025, deixando para os meses seguintes as actuacións de posta en marcha da musealización e deseño da experiencia.
“Un espazo que o merece todo”
O tenente de alcalde Manuel Fariña subliña que o Xardín Botánico e a Carballeira son o principal e máis emblemático espazo patrimonial natural da vila termal. Lembra que a carballeira de Caldas é a única de Galiza declarada Ben de Interese Cultural, con exemplares recoñecidos no Catálogo Galego de Arborado Singular, e que conta coa ‘Q’ de calidade concedida polo Instituto para a Calidade Turística Española no último exercicio.
O nacionalista subliña que as súas características fan que sexa “un espazo que o merece todo”, polo que o Concello traballará para que as actuacións de recuperación se fagan coa máxima calidade e respecto para solucionar os problemas que ten actualmente: a perda dalgúns exemplares, o envellecemento do equipamento, a proliferación de invasoras, e as deficiencias nos pavimentos e as instalacións.
O proxecto de reforma da carballeira e o parque deseñado por Pedro Calaza, apunta Fariña, propón un acondicionamento integral do espazo dende un enfoque múltiple, recuperando a esencia singular e mellorando o seu atractivo.
Entre outras actuacións, no xardín botánico renovarase o arborado, introduciranse novas especies e mellorarase o solo, mentres que na carballeira retiraranse exemplares mortos e reporanse por outros novos. Tamén haberá actuacións nos pavimentos, equipamento, e mobiliario, así como tamén nas instalacións (bocas de rego ou puntos de luz, entre outras).