O Concello de Pontevedra continúa na senda da colaboración coa Xunta para o desenvolvemento de vivendas protexidas na cidade

Alberto Oubiña
Alberto Oubiña
O Concello de Pontevedra continúa na senda da colaboración coa Xunta para o desenvolvemento de vivendas protexidas na cidade

Pontevedra, 3 de decembro de 2024. Despois de 15 anos de parálise e dunha nula xestión por parte da Xunta para facer vivenda protexida no noso país, parece que se comezan a dar pasos na boa dirección. “Logo de distintas xuntanzas, a semana pasada anunciouse a licitación dos plans de interese autonómico (PIA) para avaliar da viabilidade da construción vivenda protexida”, lembrou o concelleiro de urbanismo, Alberto Oubiña, quen indicou que grazas a estes PIA, é posíbel duplicar a edificabilidade da zona. 

Lembrou o concelleiro que a Xunta contactou co Concello de Pontevedra hai varios meses na procura de solos nos que poder construír estas vivendas, ofrecendo a administración local unha serie de terreos de titularidade municipal que recibiron o visto bo e que se localizan en distintos puntos da cidade. Doutra banda, a maiores destes terreos municipais, a Xunta tamén solicitou do Concello unha relación de zonas dentro da cidade que, malia ser de titularidade privada, puidesen ser interesantes para o desenvolvemento de vivenda protexida. 

Das zonas propostas e remitidas, a Xunta de Galiza licita agora o estudo para os PIA nas zonas B5 e B2 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que se sitúan entre o barrio da Parda e a Ronda Leste. 

“Parécenos moi interesante que se estean a estudar estas zonas. O concello de Pontevedra mantén e manterá a colaboración coa Xunta á hora de desenvolver estes proxectos, ben ao completo, ben por fases, pois iso permitiranos que a cidade medre”, sinalou Oubiña, quen salientou que, a maiores,  “abrirá a porta á construción de distintos viarios que permeabilizarán todos estes espazos, mellorando as conexións peonís en Pontevedra”. 

O Concello de Pontevedra continúa na senda da colaboración coa Xunta para o desenvolvemento de vivendas protexidas na cidade