Soutomaior adxudica o 100% das axudas municipais solicitadas para a compra de material escolar este curso

Soutomaior adxudica o 100% das axudas municipais solicitadas para a compra de material escolar este curso

Soutomaior, 3 de decembro de 2024. O Concello de Soutomaior vén de anunciar que adxudicou o 100% das solicitudes deste curso para as axudas municipais para a adquisición do material escolar necesario para o ano académico, tal como cadernos, material para manualidades, material para escribir... durante o curso académico. O Goberno de Soutomaior colabora de maneira directa con estas axudas en facilitar que todas as familias do noso concello, sexa cal sexa a súa condición, poidan acceder a material escolar para os pequenos e pequenas da casa.

Ao igual que o ano pasado, cando o Goberno de Soutomaior levou a cabo un importante incremento na contía das axudas, o importe por cada alumno ou alumna é de 30 euros no primeiro ciclo de Educación Infantil e 70 euros no segundo ciclo de Educación Infantil, en Educación Primaria e Secundaria e para aquela rapazada do concello de Soutomaior que curse Bacharelato, FP ou FPI.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, agradeceu o traballo realizado polas funcionarias municipais para que todas as solicitudes de axudas se tramitasen en tempo e forma coa maior celeridade posible.

Neste sentido, o alcalde sinalou que o goberno de Soutomaior “traballa desde o comezo do mandato e seguirá traballando por mellorar o futuro da mocidade do concello. Temos o compromiso de garantir a igualdade de oportunidades na educación, e o goberno de Soutomaior está a facer todo o que estea nas súas mans para que o alumnado de Soutomaior poida exercer o 100% dos seus dereitos educativos”.

Soutomaior adxudica o 100% das axudas municipais solicitadas para a compra de material escolar este curso