A Comisión Executiva do Eixo Atlántico aproba a adhesión de Vilalba e Betanzos
Pontevedra, 3 de decembro de 2024. Os concellos de Vilalba e Betanzos solicitaron en outubro a súa adhesión ao Eixo Atlántico. Na Comisión Executiva, celebrada esta mañá en Pontevedra, a secretaría xeral presentou un informe favorable tras varios meses de reunións cos dous concellos. A proposta de adhesión deberase ratificar na Asemblea Xeral, que terá lugar o 18 de febreiro en Viana do Castelo.
Igualmente, a Comisión Executiva aprobou a proposta de programa e de orzamento para remitir na Asemblea Xeral. Este último é de 4.770.000 € en 2025, que inclúe recursos propios, así como os provenientes de programas europeos.
No 2025, á proposta de programa do Eixo Atlántico incorpóranse dúas liñas novas en sintonía coas prioridades da Comisión Europea. Por un lado, traballarase no concepto de "cambio de hábitos" que desenvolve a Axenda Urbana, focalizándose en áreas clave como a enerxía, a mobilidade, a economía circular e o consumo responsable, así como a prevención do desperdicio de alimentos. Por outro lado, continuarase a traballar naquelas actuacións que se consideran de éxito e que conseguiron unha alta participación social (deportes, educación, cultura e turismo) e aquelas outras de valor estratéxico para a administración dos concellos: economía, sustentabilidade urbana e cohesión social.
A segunda liña de traballo é o proceso de internacionalización no que o Eixo Atlántico está inmerso. A experiencia acumulada en 32 anos de vida do Eixo Atlántico, e os proxectos de referencia que cimentaron o seu prestixio na Unión Europea e fóra dela, impulsou unha estratexia de cooperación con países da outra beira do Atlántico, tanto lusófonos e hispanos como con Canadá, cos que na actualidade se está a traballar en programas de cooperación co Eixo Atlántico.
Así mesmo, a Comisión Executiva aprobou o informe do presidente, Luís Nobre, e o das Comisións Políticas nos que se reflicte o elevado nivel de execución de programa do Eixo Atlántico.