Bota a andar en Caldas o programa "Mes do Teatro"
Caldas, 2 de outubro de 2024. O Concello de Caldas vai celebrar este outubro o seu ‘Mes do teatro’. A vila termal retomará a súa programación escénica da man de tres compañías galegas e figuras punteiras do país como Isabel Risco, Cándido Pazó, Evaristo Calvo ou Luís Iglesias.
O Alcalde en funcións, Manuel Fariña, e responsable do departamento de Cultura, deu a coñecer hoxe o programa, que fará que o Auditorio municipal volva ser ser un gran escenario rural na comarca “cun ciclo teatral ‘de altura’ que constitúe un aliciente e unha invitación para gozar na nosa vila”, destacou.
Segundo apunta Fariña, o ‘Mes do Teatro’ de Caldas incluirá actuacións “de grande calidade” dalgunhas das mellores compañías nacionais, tales como ‘Contraproducións SL’, ‘VasRir Producións’ ou Isabel Risco. Todas as obras terán entrada de balde ata completar cabida.
O ciclo do ‘Mes do Teatro’ de Caldas comezará o domingo día 6 de outubro coa obra ‘Entrega en man’ nunha única sesión ás sete da tarde. Trátase dunha peza baseada na obra ‘A behanding in Spokana’ de Martin McDonagh, con versión e dirección de escena de Cándido Pazó .
A segunda peza representarase no Auditorio municipal o domingo 20 de outubro, tamén ás 19 horas. Neste caso Isabel Risco presenta ‘Nabiza girl’.
Finalmente, as propostas teatrais do Concello de Caldas para este mes de outubro completaranse o domingo día 27 (tamén ás sete da tarde) con ‘Cabaré Climático’.